O CONCELLO DO GROVE SOLICITA COLABORACIÓN PARA EVITAR A SUCIDADE E A CONTAMINACIÓN PROVOCADA POR MÁSCARAS E LUVAS
Fecha: 2020-06-03
É preciso tomar conciencia con elevado nivel de lixo non reciclable que se está xerando nos últimos meses.
O Concello do Grove amosa a súa preocupación polo aumento de depósitos de materiais de protección, como máscaras e luvas, na rúa e en espazos públicos e solicita que a veciñanza tome unha maior conciencia e teña un coidado especial con ese tipo de residuos. Ante a obrigatoriedade de usar máscara para evitar o contaxio da Covid-19, é normal que se empregue un elevado número destas, porén, non se pode pasar por alto que se trata dun elemento contaminante que deberá ser xestionado de xeito adecuado, tanto por esa posibilidade de polución como polo feito de que pode ser transmisor de virus (segundo os últimos estudos, o virus pode sobrevivir ata sete días na parte exterior da máscara).
Como norma xeral, as persoas que utilicen máscaras dun só uso sen seren portadoras do virus deben introducilas, xunto coas luvas, nunha bolsa específica e desbotar esta xunto cos restos orgánicos do domicilio. Os ditos restos inseriranse no colector verde correspondente. En canto aos botes de xel hidroalcólico, estes deberán botarse no colector amarelo de envases dentro da bolsa habitual do domicilio.
Resulta verdadeiramente preocupante atopar materiais deste tipo tirados nas rúas, xa que, alén do potencial perigo que supoñen para as persoas, poden acabar no mar ou en acuíferos, polo que é importante tomar conciencia sobre o grave problema que se pode estar xerando.
Xestión dos residuos de persoas afectadas
O Concello do Grove leva dende o principio da crise facendo un especial esforzo no relativo á xestión de residuos de persoas afectadas pola enfermidade. Seguindo as instrucións da Fegamp, os residuos dos domicilios con persoas afectadas ou en corentena eran recollidos especificamente por unha unidade do Servizo de Emerxencias, para despois depositalos en colectores específicos nas instalacións municipais do Monte das Flores. Estes colectores eran selados e postos en corentena durante sete días. Pasado ese período, os residuos eran colocados en bolsas grises e incluídos no último envío de residuos orgánicos ás plantas de reciclaxe, debidamente sinalizados para que fosen tratados adecuadamente.
Dentro dos domicilios das persoas afectadas, lémbrase que se debe manter unha bolsa para os residuos xerados polo enfermo, que deberá ser depositada dentro dunha segunda bolsa colocada á porta do cuarto onde se atope illado. Nesa segunda bolsa tamén se poden colocar as máscaras ou as luvas empregadas polas persoas que se encargan do seu coidado e, dese xeito, deberá ser colocada nunha terceira bolsa que será recollida para o seu tratamento específico.