ALERTA NO CONCELLO POLA CONTAMINACIÓN XERADA POLAS TOALLIÑAS HÚMIDAS
Fecha: 2020-06-04
O cesto de bombeo de augas residuais do Porto de Meloxo, atoado en só 25 días.
Logo de que onte se alertara do problema dos residuos xerados polas máscaras e as luvas empregadas para a protección contra a Covid-19, volve xurdir un problema polo emprego de materiais contaminantes de xeito inadecuado. Neste caso, requírese de novo a colaboración cidadá para evitar os graves problemas que están causando as toalliñas húmidas ao seren eliminadas polo inodoro. Estes produtos ateigan as tubaxes e van directamente ás bombas de impulsión, nas que se enredan polo tipo de filamentos cos que están tecidas. Isto paraliza as bombas e provoca que estas se queimen, o cal supón grandes gastos para reparalas e incluso para substituílas se están estragadas.
Como exemplo, baste indicar que na tarde de onte saltou a alarma no bombeo da rede de sumidoiros do Porto de Meloxo, onde hai tan só 25 días se fixera a mesma operación. En consecuencia, houbo que retirar e limpar de novo o cesto, que presentaba o aspecto que se recolle na foto adxunta.
A situación é de moita gravidade a nivel mundial, xa que todos os produtos deste tipo que se comercializan causan este problema. Debe terse en conta que, inda que algunhas variedades se estean anunciando como “biodegradables”, esa característica é falsa, pois o seu proceso de degradación pode tardar meses, tempo suficiente para que cheguen ás bombas e se depositen do xeito que o están facendo. Alén diso, causan problemas no contacto con acuiferos e prexudican a flora e a fauna.
É necesario, pois, tomarmos conciencia deste grave problema que está causando danos económicos e medioambientais. O colapso do sistema de depuración de augas aumenta os custos de mantemento e a contaminación causada terá consecuencias inmediatas na nosa contorna arruinando o noso principal capital: a nosa riqueza medioambiental.