O CONCELLO DO GROVE VOLVE A QUEDAR FÓRA DAS AXUDAS DA XUNTA
Fecha: 2020-06-17
A proposta de transporte público da Xunta de Galicia queda nas portas do Grove.
A Xunta de Galicia acaba de anunciar a creación dun programa co cal os mozos e as mozas se poden beneficiar da denominada tarxeta “Xente Nova”, grazas á que poderán usar de balde o transporte público para se moveren pola “área metropolitana” de Pontevedra. Unha vez máis, a aplicación destas medidas semella non ter en conta a realidade territorial ou o razoamento lóxico, xa que quen se beneficie destas tarxetas vai ser a mocidade de Sanxenxo, pero non a do Grove, a pesar de que o servizo regular de transportes no que poderán viaxar gratuitamente é a liña O Grove-Pontevedra.
Resulta inexplicable que a Xunta de Galicia deixe fóra deste programa a xente nova do Grove por unha diferenza de apenas seis quilómetros de distancia. Non semella ter sentido que as mozas e os mozos da nosa localidade collan un autobús uns minutos antes que a rapazada das localidades lindantes e si teñan que aboar o traxecto mentres os demais non o fan. A aplicación da denominada “Área Metropolitana de Pontevedra” resulta interesada e fóra de razoamento lóxico, polo que dende o Concello do Grove se reclama que a Xunta corrixa e evite, unha vez máis, discriminar o noso municipio.