Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PERMITIRÁ O DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS NA LOCALIDADE

Fecha: 2020-07-08

 

A Carreira de Orientación da Illa da Toxa e a agardada Liga de Fútbol 7 foron solicitadas dentro da convocatoria de 2020.

 

O Concello do Grove rematou onte a tramitación das solicitudes referidas ao Plan Concellos 2020. Lembramos que este programa permite solicitar axudas en varias liñas nas que, ademais da xestión de actuacións e obras públicas, contempla a celebración de eventos e actividades culturais e deportivas. No relativo ás actividades deportivas, as axudas concretaranse nunha Carreira de Orientación que terá lugar o vindeiro 8 de agosto na Illa da Toxa, un espazo que reúne as condicións óptimas para a posta en práctica desta clase de eventos.

 

A Carreira contará con monitores e técnicos que colaborarán para o bo desenvolvemento da proba. Estímase un máximo de 150 participantes, contándose cun amplo horario de saídas graduais para garantir o distanciamento social esixido na nova normalidade. O horario previsto ocupará aproximadamente cinco horas e está pendente se a proba se vai programar en horario de mañá ou de tarde.

 

A outra actividade prevista é a Liga de Fútbol 7, un evento que xeralmente conta cunha moi ampla participación na localidade. Consta dun total de 18 xornadas con catro partidos por xornada e desenvolverase no campo de fútbol das Lampáns, en San Vicente. Debemos lembrar que estes partidos comezaran no mes de xaneiro, pero tiveron que ser interrompidos debido á COVID-19. Deste xeito, a continuación das xornadas está prevista para o mes de setembro.

 

En ambos os casos trátase de actividades de grande importancia deportiva e con altos requisitos dende o punto de vista organizativo, tanto pola peculiaridade da proba —no caso da Carreira de Orientación— como polo elevado número de anunciantes —no referido á Liga de Fútbol 7—, polo que a colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos resulta fundamental para podermos gozar destas actividades.