O GROVE PROCEDE AO CORTE DA SUBMINISTRACIÓN DE AUGA NAS PRAIAS TRAS DETECTAR UN USO ABUSIVO E INADECUADO DESTA
Fecha: 2020-07-21
As primeiras semanas de apertura de praias detectan un alarmente aumento do consumo que deixa ver unha falta de concienciación da poboación sobre o coidado deste recurso.
O Concello do Grove eliminou as duchas das praias xa hai varios anos nunha decisión que resultou polémica, pero que foi consensuada entre todas as forzas políticas daquel momento. A medida foi pioneira e posteriormente estendida a praias de Galicia e do resto de España para tentar reducir un descomunal consumo de auga e un desperdicio continuado desta. Tras o peche destas duchas tan só estaban dispoñibiles os “lavapés” nas praias principais, mais ano tras ano comprobouse que o seu uso tampouco estaba sendo moi correcto.
Este servizo está pensando para que as persoas poidan eliminar as areas dos pés antes de subiren aos seus vehículos, pero en lugar diso lávanse xoguetes, materiais de surf, roupa e incluso se recolle auga en recipientes para realizar limpezas máis amplas. Todo isto vai radicalmente en contra da concienciación ecolóxica que debería realizarse na poboación. A este feito súmase que a situación actual de pandemia non aconsella que se conserven focos que poden dar lugar ao contaxio, ao acumularse moita xente en torno aos puntos de subministración de auga.
Os datos de consumo de auga nas pasadas semanas resultan alarmantes, pois duplicándose as cifras de anos anteriores nun período similar. Por esta razón o Concello considera necesario pechar estas fontes, informando ás persoas usuarias da praia de que é necesario que fagan unha xestión máis ecolóxica e consciente da súa visita aos areais. As praias do Grove contan con servizos de calidade e cunha demostrada e constatada boa aceptación por parte de quen nos visita, que converteu estes espazos en lugares de concienciación sobre a importancia da súa conservación. Non podemos perder de vista que foron das primeiras de Galicia en aplicar o sistema de eliminación de papeleiras, indicando que as e os usuarios deben recoller o lixo que portan, ou a non eliminación de algas. En todos os casos medidas complexas, pero que poñen por diante o coidado do medio ambiente.