O CONCELLO DO GROVE CELEBRA MAÑÁ O DÍA NACIONAL DE GALICIA
Fecha: 2020-07-24
A Praza do Corgo acollerá o xa tradicional acto de homenaxe que este ano comezará ás 21.00 horas e irá acompañado dun espectáculo musical.
O Concello do Grove celebrará o Día Nacional de Galicia atendendo as normas vixentes de control de hixiene e seguridade. Esta celebración foi recuperada hai xa seis anos marcando unha cita fundamental do programa cultural de verán do Concello. Nesta ocasión realizouse un cambio de horario que permitirá que todos os eventos se realicen na mesma sesión. Así, ás 21.00 horas comezará o acto institucional coa intervención do alcalde, Jose Cacabelos, e a lectura do manifesto a cargo de Noemí Outeda, concelleira de Cultura e Terceira Idade.
Tras a parte institucional do acto, comezará a música co espectáculo “Son Galego, son Cubano”, de Roi Casal, actividade subvencionada a través do programa Musigal da Deputación de Pontevedra. Trátase dun espectáculo que fora presentado no Gran Teatro de La Habana en 2016 e leva dende entón de xira. Nel escoitaremos letras de Neira Vilas interpretadas por músicos galegos e cubanos, froito do traballo directo entre Roi Casal e o recoñecido escritor galego ata a data do seu falecemento en novembro 2015.
Para o control da seguridade poñeranse á disposición do público 200 cadeiras adecuadamente desinfectadas e situadas coa correspondente distancia. Haberá, ademais, xel hidroalcólico á entrada do recinto, que estará adecuadamente acoutado, e será obrigatorio o emprego de máscara en todo momento por parte do público asistente.