O CONCELLO DO GROVE TRABALLARÁ NUNHA PROMOCIÓN TURÍSTICA SUSTENTABLE E NO COIDADO DA IMAXE DA FESTA DO MARISCO
Fecha: 2020-08-28
A non celebración da Festa do Marisco supón unha decisión complexa, pero de responsabilidade.
O Concello do Grove mantén unha liña de traballo estable na promoción da localidade. Deste xeito, non podemos perder de vista que, a pesar da pandemia, O Grove foi considerado un destino seguro e conseguiu cifras positiva nos meses de xullo e agosto no relativo á actividade turística. Todo o esforzo se ten centrado na transmisión dunha imaxe de seguridade e tranquilidade, acompañada dunha total transparencia á hora de informar dos posibles problemas relativos á pandemia.
Así pois, resulta fundamental conservar a imaxe acadada pola nosa localidade, caracterizada por esa seguridade e tranquilidade. A difícil decisión de suspender a Festa do Marisco responde a unha conduta de responsabilidade e de conservación dun modelo de promoción e desenvolvemento da Festa único e pioneiro en Galicia, que perdería a súa esencia se se ten que ver limitado tanto na parte gastronómica como na cultural.
Ademais do evidente risco para a saúde que suporía celebrar a festa baixo unha situación pandémica como a actual, non podemos perder de vista que se trata dun investimento económico que require dunhas cifras de ingresos para o seu correcto sustento e para evitar desequilibrios nas contas municipais. A Festa do Marisco supón un investimento de case o 5% dos orzamentos municipais do Concello, e a recadación realizada serve para cubrir a meirande parte deses gastos, permitindo que esta actividade non supoña unha perda de recursos. A celebración da Festa require o investimento habitual; se os ingresos se visen reducidos, suporía un verdadeiro problema para o municipio.

Tendo en conta a realidade actual da pandemia, resulta inviable a celebración da Festa durante o mes de outubro. En calquera caso, o Concello xa está traballando para realizar accións promocionais que manteñan o bo nome conseguido pola Festa do Marisco, ademais de tentar manter a presenza de visitantes durante o resto da temporada. Para ese fin farase fincapé, unha vez máis, na importancia do Grove como destino turístico seguro pero, sobre todo, nas potencialidades naturais e gastronómicas da localidade, que permiten que O Grove non sexa tan só un destino de “sol e praia” senón que conta cunha oferta verdadeiramente rica e diversa. O Concello tamén avaliará dedicar os fondos previstos para esta festa á realización de accións de mellora da oferta turística de carácter permanente.