IMPORTANTES ACTUACIÓNS NO DISPOSITIVO ESPECIAL DE VIXILANCIA DA POLICÍA LOCAL E A GARDA CIVIL NO GROVE ESTA FIN DE SEMANA
Fecha: 2020-08-31
A patrulla de fin de semana realiza máis de dez intervencións relativas a botellóns e incumprimento das normas de seguridade.
O Concello do Grove informou nos pasados días de que intensificaría os controis no relativo ao cumprimento das denominadas “normas covid” e para evitar os excesos que se tiñan observado nas pasadas fins de semana e que se saldaron con numerosos danos materiais e graves prexuízos para a tranquilidade da localidade. Deste xeito, esta fin de semana a patrulla da Policía Local —sempre en colaboración directa coa Garda Civil— interviu de xeito directo en 11 incidentes na noite do sábado.
Ás 00:35 horas disolveuse un botellón detrás do pavillón de congresos e exposicións a Illa da Toxa, ao tempo que se procedeu á correspondente denuncia dos feitos. Ás 1:21 horas localizouse (tras unha chamada) outro botellón na zona da explanada do club náutico, tamén na Illa da Toxa. Os implicados trataron de agocharse en vehículos, pero foron localizados con gran cantidade de alcol e procedeuse á correspondente disolución e denuncia.
Tan só uns minutos despois da chamada anterior, recibiuse outra que provocou que os axentes se presentasen nun domicilio particular, tamén na Illa da Toxa, onde se tivo que disolver unha festa, aínda que non se puido apreciar motivo de denuncia. A partir dese momento a patrulla continuou coa supervisión do peche dos locais, segundo a actual normativa, cando se recibiu unha nova chamada que informaba de que un local do centro do Grove seguía aberto. Neste caso, procedeuse ao desaloxo de 15 clientes e á tramitación da correspondente denuncia.
Ás 2.36 horas recíbese un aviso de ruído nunha vivenda particular nun barrio exterior da vila e, ao presentarse no lugar, disólvese unha festa sen que se aprecie motivo de denuncia. Ás 2.39 horas, outra chamada alerta da presenza de persoas nas pistas de pádel situadas detrás da Aldea Comercial da Illa da Toxa e disólvese esta reunión de persoas que, por outra banda, non amosaban condutas non correspondentes coa normativa actual.
Xa eran as 2:59 horas cando se informa doutro botellón na rúa Ernesto Goday, inda que neste caso se trataba dunha única persoa, que se retirou axiña ao seu domicilio. Ás 3:58, tras outras chamada telefónica, disólvense festas en dúas casas da mesma rúa na zona de Meloxo. O dispositivo continúa ás 4.05 desprazándose de novo á rúa Ernesto Goday, onde nesta ocasión si se disolve un grupo de persoas que non son denunciadas por non estar incorrendo en comportamentos non axustados á norma. A noite continuou disolvendo outra festa na zona da Illa da Toxa e multando por circular polas rúas peonís.
Dende o Concello do Grove quere incidirse na gravidade destes feitos, tanto por non ser acordes coa convivencia e tranquilidade da localidade como por realizarse nun momento no que este tipo de actividades supoñen o risco engadido da expansión da pandemia que estamos sufrindo. Por todo isto, reitérase que a Policía Local será exhaustiva no cumprimento das normas necesarias e advírtese de que continuarán os controis que eviten este tipo de comportamentos. A colaboración e o compromiso de todos e todas é a única solución para que O Grove poida seguir coa súa actividade e ofrecer un lugar tranquilo, principalmente para os veciños e veciñas e, por extensión, para as persoas que nos visitan.