Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O ESPECTÁCULO ‘OS BOLECHAS E A PORTA DOS CAMIÑOS’ PRESENTARASE ESTE SÁBADO NO GROVE

Fecha: 2020-09-14

 

O obxectivo é fomentar a lingua galega entre a rapazada dun xeito divertido e participativo.

 

Os Bolechas achegaranse o sábado 19 de setembro á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove para presentar a actividade lúdica e didáctica Os Bolechas e a Porta dos Camiños. Será ás 18.30 horas e está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística municipal, en colaboración coa Rede de Bibliotecas do Grove, e promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística dentro do programa de dinamización lingüística  FalaRedes.

 

Os populares personaxes da literatura infantil galega creados por Pepe Carreiro mostraranlles á rapazada grovense e ás súas familias unha nova viaxe chea de aventuras e de diversión. Nesta ocasión preséntanlles a Haker Mater, un programador informático que está poñendo a punto a 'Porta dos Camiños', unha máquina que lles axuda a elixir un dos moitos Camiños de Santiago ás persoas que queren peregrinar pero non saben por que vía facelo. O que pasa é que a máquina leva 11 anos sen funcionar e parece que precisa algúns arranxos, e Os Bolechas son expertos en amañar cousas… Coa axuda do público conseguirán non só facer funcionar a Porta dos Camiños senón aprender unha chea de cousas sobre algunhas das principais vías de peregrinación. E mesmo lle axudarán ao Peregrino Faustino a elixir Camiño!

 

A entrada será de balde, mais a capacidade é limitada, polo que cómpre inscribirse previamente na Biblioteca Pública Municipal do Grove (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 h), no teléfono 986 732 341 ou a través do correo electrónico biblioteca@concellodogrove.es.

 

Durante o desenvolvemento desta actividade respectaranse as medidas de seguridade, protección e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid-19.