Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE COLABORA NA III EDICIÓN DO CAMPO DE VOLUNTARIADO ‘A TERRA QUE HABITA NO MAR’

Fecha: 2021-09-02

O Concello do Grove coopera na III edición do Campo de Voluntariado “A terra que habita no mar”, organizado pola Consellería de Política Social dentro do programa xuvenil O verán que necesitas. A súa duración será do día 1 ao 12 de setembro e estará executado polo Cámping Fieitás.

 

Igual que os anos anteriores, a temática desta actividade é medioambiental e trata de poñer en valor o municipio do Grove a través de traballos de limpeza e extracción de especies vexetais invasoras, como a uña de gato ou a margarida africana, da recuperación de estruturas de observación ornitolóxica e do deseño e colocación de carteis interpretativos nas diferentes zonas de actuación en que se desenvolva o campo.

 

En canto ao ámbito de procedencia das persoas participantes, este ano será nacional, con seis de orixe galega, unha do País Vasco, unha de Ávila, unha de Navarra e outra que vén desde Zaragoza. Orixinariamente o ámbito sempre foi internacional, pero por culpa das medidas provocadas pola crise sanitaria da Covid-19 este ano mudou a nacional (o ano pasado foi de ámbito autonómico). O número de participantes tamén se viu reducido por mor destas medidas, polo cal nesta edición só acudirán once persoas de entre 18 e 30 anos.

 

A recepción oficial dos participantes tivo lugar hoxe xoves, ás 11.00 horas, na Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove, e nela participou, en representación do Concello, Ángeles Domínguez, concelleira de Medio Ambiente.

 

As persoas integrantes deste campo de voluntariado serán compensadas parcialmente polo seu esforzo con aloxamento e manutención no Cámping Fieitás e mais con actividades turísticas, culturais, lúdicas e deportivas ofertadas por esta empresa e polo Concello do Grove.