IV Concurso Fotográfico A Muller Traballadora
Fecha: 2011-01-20
A Concellería de Igualdade e Benestar publica as bases da cuarta edición deste concurso, que se encadra dentro das actividades que está a programar para o Día da Muller Traballadora.
Logo do éxito das pasadas edicións, o primeiro tenente de alcalde, Carlos Álvarez, considera que este ano podería resultar máis interesante a participación, xa que, á parte de manterse a contía dos premios (300, 200 e 100 €, para quen acade o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente) e de non cinguirse o tema exclusivamente ás traballadoras do Grove, tamén se poderá presentar un formato libre.
O prazo de presentación de fotografías remata o luns 21 de febreiro e o xurado determinará as instantáneas gañadoras o día 25 dese mesmo mes.
A foto que gañe o primeiro premio será empregada para o cartel da programación dos actos do Día da Muller Traballadora do ano que andamos.
Por outra banda, o Consello Local da Igualdade acaba de aprobar o calendario para os actos dos Premios Meca, dentro dos cales serán entregados os galardóns do citado concurso de fotografía. Así pois, o día 19 de febreiro terá lugar na Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey a entrega destes premios, outorgados ás mulleres máis representativas do Grove, nun acto homenaxe a todas as traballadoras do concello que foron e son exemplo de dinamismo na nosa sociedade local e comarcal, alén de loitaren polos dereitos dos traballadores en xeral.