Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE ORGANIZA UNHA NOVA PROGRAMACIÓN CULTURAL PARA MARZO: “A MECA DA POESÍA”

Fecha: 2022-03-07

 

 

O Grove 7 de marzo de 2022.- O Concello do Grove ofrecerá durante o mes de marzo unha nova programación cultural dedicada á poesía. “A Meca da Poesía”

Sentir Meco: videopoemas

Do 7 ao 31 de marzo queremos honrar aos poetas e poetisas, revivir tradicións orais de recitais de poesía, promover a lectura e a escrita na poesía. No Grove hai moito talento e sentimento polo que esta iniciativa vai dirixida a inundar as redes sociais con versos, co noso Sentir Meco. Todas as persoas ou colectivos que queiran participar deben enviarnos un ou varios vídeos ou audios da lectura de poesía ao e-mail biblioteca@concellodogrove.es. Animamos a toda a poboación e colectivos a que nos envíen as súas lecturas de poemas.

Galegas na ciencia

O xoves 10 de marzo a partir das 19.00 h teremos na biblioteca municipal do Grove a presentación do libro “Galegas na ciencia” de Isabel blanco con ilustracións de María Lapido. Intervirán  Isabel Blanco, María Lapido, Edurne Baines (editora) e o concelleiro Quito Parada.

Un poema  musicado

O venres 11 de marzo será a quenda dos máis pequenos e público familiar. Ofrecerase na biblioteca municipal do Grove o cantacontos “Un poema musicado” a cargo de Andrea Búa e Roberto Comesaña. As prazas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa.

Obradoiro con Yolanda Castaño

O venres 18 de marzo o público adulto poderá asistir a un obradoiro poético con Yolanda Castaño, que terá lugar na Biblioteca Municipal do Grove a partir das 17.00 h. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscrición previa.

Versos para escoitar e sentir

O domingo 20 de marzo a partir das 12.00 h ofrecerase na Rúa Castelao o recital poético “Versos para escoitar e sentir”  no que intervirán Ana Corzo, Adri de Vargas, Carmen Quinteiro, Mª Carmen Cacabelos, Mara Dres, Andrea Fernández, Richard Pazos e Queco Fresco, acompañados da música de Carlos  Oubiña.

A partir das 11:30 h haberá firma de exemplares polos propios poetas e poetisas.

Mar de Mazá

O 25 de marzo, a partir das 18.00 h na biblioteca municipal ofrecerase o obradoiro de poesía “Mar de Mazá a cargo de Elvira Ribeiro, recomendado para a rapazada a partir de 8 anos. . O obradoiro está centrado na poesía e o mar e toca diversos aspectos relacionados con estes dous ámbitos. Poesía sobre o mar e, tamén, un mar de poemas.

As prazas son limitadas polo que é necesaria  inscrición previa