Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE SEGUE A CELEBRAR O MES DO LIBRO CON NOVAS ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA

Fecha: 2022-04-19

O Grove, 18/04/2022.- O Concello do Grove segue a celebrar o mes do libro e a lectura con novas actividades de dinamización lectora que se desenvolverán na Biblioteca municipal do Grove e na Axencia de Lectura de San Vicente.

Durante o 2021 a Rede de bibliotecas do Grove mantivo parte das actividades de Animación á lectura de maneira virtual por mor da emerxencia sanitaria provocada pola pandemia do Covid-19, pero a situación actual permite a volta ao formato presencial, con todas as medidas de prevención necesarias.

Ademais das actividades de dinamización lectora xa programadas e que se veñen desenvolvendo todos os venres, poranse en marcha novas iniciativas:

Club de Lectura Infantil “Os Grufalos”  na Biblioteca Municipal do Grove

O venres 22 de abril arranca o Club de Lectura Infantil da Biblioteca Municipal do Grove dirixido á rapazada de 9 a 12 anos, que se reunirá quincenalmente coordinados polo persoal da biblioteca.

No club de lectura Infantil leranse obras, comentaranse as lecturas e realizaranse actividades diversas relacionadas coa lectura co fin de espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un entorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas.

As sesións terán lugar nun ambiente distendido, de respecto, pero sobre todo lúdico, creando un clima de esparexemento que convida á diversión.

Hora do Conto

O martes 26 de abril, a partir das 18:30 h, iniciarase a “Hora do conto” na Axencia de Lectura de San Vicente co obxectivo de achegar a lectura á rapazada dunha maneira lúdica e descubrir o mundo a través dos contos, fomentar a imaxinación e a creatividade ao mesmo tempo que o habito da lectura.

As sesións terán lugar todos os martes a partir das 18:30 h e están dirixidas a nenos e nenas de 5 a 8 anos.

Para participar é necesaria inscrición previa na Axencia de Lectura de San Vicente, nos teléfonos 986 732 341/986 738 431 ou no correo electrónico axenciadelecturasanvicente@concellodogrove.es

Club Lectura Infantil na Axencia Lectura San Vicente

O xoves 28 de abril porase en marcha o Club de Lectura Infantil de San Vicente, dirixido á rapazada de 9 a 12 anos.

As sesións terán lugar todos os xoves a partir das 18:30 h.

Para participar é necesaria inscrición previa na Axencia de Lectura de San Vicente, nos teléfonos 986 732 341/986 738 431 ou no correo electrónico axenciadelecturasanvicente@concellodogrove.es