Igualdade arrinca o Entroido co Xoves de Comadres e de Compadres
Fecha: 2011-02-11
A Concellería de Igualdade e Benestar anima a participar no xoves de comadres e de compadres. Segundo Carlos Álvarez os compadres xa empezan a animarse tamén nesta festa que e xa son quen de competir coas comadres.
Este ano amplíanse a catro os restaurantes que participan nas comadres e nos compadres, o que indica unha maior participación nos últimos anos. Os establecementos son os seguintes: Casa Campaña (amenizada polo dúo Prisma) e O Almacén do Avó (amenizada polo dúo Najla e Piñeiro) para as comadres e os restaurantes Faro 2 e Don Mexilón, para os compadres. Os menú e o prezo son os mesmos para todos, 30 €.
Outra novidade deste ano será a creación dunha procesión que comezará o Entroido 2011: A procesión dos Laións. Esta comitiva será a encargada de anunciar polas rúas do Grove que xa comeza o Xoves de Comadres e Compadres. Partirá da Casa do Concello ás 20.30 h e tentará percorrer a maior parte das rúas de viños do centro da vila.
A procesión dos laións nace este ano 2011, pero nalgún ano moi pasado recórdase unha procesión similar onde os homes e algunha muller percorrían as tabernas do municipio como manifestación de rexeitamento ás directrices dos reis de Austria de prohibir esta satírica festa. Servizos municipais levan tempo investigando sobre a orixe desta procesión, e xa se sabe que ao estar censurado o Entroido puxéronlle un nome galego para así disimular unha gran festa de disfraces e de criticas aos estamentos relixiosos e políticos. Nin curas nin boticarios nin mandatarios se metían con esta procesión por entendela relixiosa. Os laións son homes queixiñas que protestan por todo e aquí tiñan a súa oportunidade de poder expresar os seus desacordos coas imposicións de curas e políticos. Dise que esta procesión durou ata comezos da ditadura militar de Primo de Rivera, pero a pesar de todo séguese investigando sobre este feito, que naceu aínda sendo Insula Ocobre a nosa vila.
O primeiro tenente de alcalde afirmou que a intención da Concellería de Igualdade é enriquecer esta festa con melloras: “descoñezo se esta procesión ten historia ou non, pero a nosa intención é animar a nosa veciñanza a participar nesta festa percorrendo os bares para recoller a maior xente posible para celebrar o inicio do Entroido.” Esta procesión farase coa animación da charanga Os Galácticos.