Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Mesa contra a Violencia de Xénero organiza actividades para os centros educativos

Fecha: 2011-02-15

 

O Concello reuniu onte a Mesa contra a Violencia de Xénero cun monográfico sobre a educación co fin de introducir actividades nos colectivos máis novos da poboación para educalos e conciencialos sobre os valores de respecto e non violencia contra as mulleres.

 

A Concellería de Igualdade e Benestar, xunto coa Oficina de Información á Muller, convocan esta mesa logo de que no mes de novembro pasado acadasen o compromiso de introducir estas políticas na reunión que mantiveron coas ANPA e os centros educativos. A esta reunión acudiron representantes dos centros educativos de Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Con Meniño, As Bizocas, representantes da ANPA do colexio Rosalia, representantes da Subdelegación do Goberno, representantes do Centro da Información á Muller, responsables do SPAD, representante dos Servizos Sociais, da Escola de Adultos e das concellerías de Educación e de Igualdade e Benestar.  

 

A mesa, presidida polo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade Carlos Álvarez, analizou, entre outras cuestións, o traballo que os centros educativos e os servizos municipais abordan neste ámbito. Quedou de manifesto a importancia de ampliar os traballos ás familias. O tenente de alcalde afirmou ao remate da xuntanza que “nos centros se fai un bo traballo, pero se os nenos e nenas chegan á casa e ven o contrario ou non se lles sensibiliza sobre este tema, non facemos nada, por iso chegamos á conclusión de que é preciso inculcar estes valores na educación propia das familias”, para iso esta mesa vai elaborar unha campaña de sensibilización e prevención na que colaborarán os centros educativos e as ANPA.

 

Así mesmo, o primeiro tenente de alcalde afirmou a importancia destas mesas para levar un seguimento coordinado sobre a violencia de xénero no concello: “o goberno está apostando por este tema e queremos que cada vez se conciencie máis a xente, para iso é fundamental a colaboración de todas as administracións e colectivos sociais”. Tamén asegurou que o I Plan de Igualdade está a ter un seguimento e un cumprimento importante por parte de todas as areas do goberno local: “non só nos cinguimos a un par de actos no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, actuamos todo o ano”.