O CONCELLO DO GROVE OFRECERÁ A ÚLTIMA FIN DE SEMANA DE SETEMBRO UN FESTIVAL DE MAXIA
Fecha: 2024-09-16
O Grove, 16/09/2024.- O Concello do Grove ofrecerá durante a última fin de semana de setembro un Festival de Maxia, financiado polo Plan Máis Provincia de Deputación dePontevedra.
O Festival, dirixido a todos os públicos, desenvolverase os días 28 e 29 de setembro e nel participarán tres magos e unha maga de recoñecido prestixio nacional.
O sábado 28 de setembro ás 19.00 h, ofrecerase no Auditorio do Grove o espectáculo Confeti a cargo de Francis Zafrilla. Un espectáculo único e orixinal que combina o marabilloso arte do ilusionismo co fantástico mundo dos monicreques nun máxico show musical con multitude de disciplinas fantásticas para facer desfrutar ao público asistente, lanzar enerxía positiva e enchelo todo de Confeti.
O domingo 29 de setembro, ás 12.00 h, terá lugar na biblioteca Municipal do Grove o espectáculo “A maxia de Dani Danielo”, que combina o teatro e o humor coa maxia, con momentos de pura maxia visual e instantes de participación e interacción co público ao ritmo da música.
O domingo 29 de setembro, ás 19.00 h, ofrecerase no Auditorio do Grove a Gran Gala de Maxia coa participación dos mellores magos chegados de diferentes zonas de España: o Mago Paco, a Maga Martilda, Dani Danielo e Francis Zafrilla.
O Festival de Maxia virá acompañado de solidariedade polo que as persoas que desexen asistir a calquera das funcións, deberán retirar os seus convites na Biblioteca Municipal do Grove e deixar, a cambio, alimentos para Cáritas.