AS ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN LECTORA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DO GROVE ACADAN UN NOVO RECOÑECEMENTO A NIVEL NACIONAL
Fecha: 2024-12-18
- A Biblioteca do Grove foi galardoada cun novo premio María Moliner polo proxecto “Biblioteca e máis”
O Grove, 18.12.2024.- As actividades de dinamización lectora desenvolvidas na biblioteca municipal do Grove acadan un novo recoñecemento a nivel nacional. O programa de dinamización lectora “Biblioteca e máis” logra un novo Premio María Moliner para a biblioteca do Grove, o que supón un aporte económico de 2.777,77 € para a adquisición de libros.
O proxecto de dinamización desenvolvido pola biblioteca do Grove obtivo unha puntuación de 71, o que a sitúa entre as mellores a nivel estatal e a nivel autonómico.
Con este novo recoñecemento son xa 13 os premios obtidos pola Biblioteca Municipal do Grove: no 2005, no 2006 e, de forma ininterrompida, en todas as edicións desde o ano 2011.
As puntuacións obtidas polas programacións da Biblioteca Municipal do Grove a sitúan entre as mellor valoradas do panorama nacional con proxectos dirixidos a fomentar a biblioteca como organización cultural e comunitaria, máis aló dos seus límites de espazo físico, con programas completos, ben expostos con actividades interesantes e ben desenvolvidas, tanto no contido como no formal.