Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

ÓSCAR MANUEL GUZMÁN ÁLVAREZ GAÑA A XXXII EDICIÓN DO PREMIO DE NOVELA CURTA MANUEL LUEIRO REY

Fecha: 2025-12-17

O Grove, 17/12/2025.- Óscar Manuel Guzmán Álvarez ven de gañar a XXXII Edición do Premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey”.

O Premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey” é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.

O xurado do premio, composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Miguel García Fernández (en representación da Editorial Xerais) e José Carou Rey (gañador da anterior edición), reuniuse na tarde do 16 de decembro para ditaminar esta XXXII edición do Premio.

Despois de dúas horas de deliberación o xurado, por unanimidade, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Só os mortos saben a verdade co lema Xan Dasrubias.

Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser Óscar Manuel Guzmán Álvarez.

O xurado destacou en Só os mortos saben a verdade que se trata dunha novela de suspense moi ben enfiada cunha trama que salienta pola tensión narrativa, o ritmo áxil e o uso dun fino humor e ironía, cunha boa e traballada caracterización dos personaxes, que resultan ser moi enxeñosos,  e cuns diálogos fluídos e realistas, no que nada é o que parece.

Ademais, esta novela, consegue manter a intriga con moita solvencia, de tal forma que o lector non é quen de inferir o seu final tan inesperado como impactante, sorprendente e insospeitado, no que queda reflectida unha das paixóns máis baixas do ser humano: a vinganza.