MARÍA DE LOS ÁNGELES VEREA CASTELO GAÑA A II EDICIÓN DO PREMIO DE INVESTIGACIÓN E CULTURA MARÍTIMA LUÍS REI
Fecha: 2025-12-19
O Grove, 19/12/2025.- María de los Ángeles Verea Castelo, boimortense profesora de historia e investigadora galega, ven de gañar a II Edición do Premio de investigación e cultura marítima “Luís Rei”.
O Premio de investigación e cultura marítima “Luís Rei” é un premio convocado polo Concello do Grove, que conta coa financiación do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de honrar a figura e a memoria de Xosé Luís Rei Núñez e, asemade, fomentar a investigación e a recuperación no campo do patrimonio e a cultura marítima. O premio está dotado con 1.500 euros.
O xurado do premio, composto por Francisco Fernández Rei, Lino Prieto Prol, Bruno Padín Portela, Iria Fernández Delgado (en representación de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) e Helena Domínguez García (gañadora da anterior edición), reuniuse na tarde do 18 de decembro para ditaminar esta II edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por unanimidade, acordou declarar como gañador da presente edición o texto presentado baixo o título a concurso De salinas a barreiras. Desenvolvemento e consolidación da industria de cerámica en Sanxenxo (Séculos XVIII, XIX e XX), co lema Villa Longa.
Acto seguido procedeuse á apertura da plica da novela premiada. A autora do texto gañador resultou ser Maríade los Ángeles Verea Castelo.
O xurado destacou do texto gañador o seguinte:
“No traballo premiado De salinas a barreiras estúdase a orixe, o desenvolvemento e a consolidación da industria cerámica de construción de terra cocida en Sanxenxo que, despois de trescentos anos de intensa actividade arredor do barro, deixou un rico Patrimonio Industrial.
A parroquia de Vilalonga chegou a ter na década de 1970 cinco grandes factorías industriais entre as que destacaba a Cerámica Guisasola instalada na Fianteira no 1910, que no seu momento foi unha das máis modernas de Galicia e marcou un punto de inflexión na modernización desta industria en Sanxenxo.
O obxectivo do traballo é poñer en valor ese legado material (restos de fábricas, maquinaria, embarcadoiros, fornos…), inmaterial (microtoponimia, fontesorais…), natural (barreiras convertidas en lagoas protexidas) e documental (protocolos notariais, expedientes de empresas, fotografías, publicidade…) reivindicando a súa protección”.