O CONCELLO DO GROVE ORGANIZA UN OBRADOIRO DE MAIOS EN FAMILIA
Fecha: 2026-04-22
O Grove, 22/04/2026.- O Concello do Grove organiza un obradoiro de Maios en familia o vindeiro xoves 30 de abril.
O obxectivo principal desta iniciativa é recuperar esta fermosa tradición e poñer en valor as nosas tradicións e a cultura popular a través dunha experiencia creativa, participativa e interxeracional.
Achegarase a tradición de elaboración dos maios creando un espazo no que a rapazada, pais e nais e/ou avoas/avós poidan compartir tempo de ocio, coñecendo a orixe desta celebración e participando activamente na elaboración do seu propio maio.
A actividade desenvolverase o 30 de abril na Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey”, en horario de 17.30 a 19.30 h, favorecendoa participación familiar e permitindo un desenvolvemento pausado e enriquecedor da experiencia.
O taller desenvolverase en varias partes:
1. Benvida e introdución cultural. Breve presentación visual a través de proxección de imaxes inspiradoras, acompañadas dunha explicación amena sobre a historia, a simboloxía e as lendas vinculadas á Festa dos Maios, achegando aos asistentes o significado da chegada da primavera, a importancia das flores, os verdes e os elementos tradicionais que forman parte desta celebración.
2. Elaboración do mini maio familiar. Cada participante, de forma individual ouen familia, elaborará o seu propio mini maio decorativo, empregando flores verdes e elementos naturais facilitados no propio taller. Os participantes poderán utilizar o material aportado, pero é aconsellable que traian os seus propios elementos decorativos para personalizar a creación.
3. Creación de detalle personalizado para levar. Como complemento áactividade principal, cada neno ou participante poderá crear un pequeno detalle artesanal a escoller segundo os seus gustos, entre as seguintes opcións: chaveiro floral , colgante decorativo, marcapáxinas con flor ou follas naturais
4. Peche festivo e baile tradicional. Para finalizar, realizarase un pequeno momento festivo no que todos os asistentes participarán nun baile arredor dos maios elaborados, acompañado de música tradicional, rememorando o espírito comunitario desta festa.
Para poder participar, é necesaria inscrición na biblioteca municipal do Grove aportando nomes da rapazada e dos adultos acompañantes. O período de inscrición comezará o venres 24 de abril e rematará o mércores 29 de abril ás 13.30 h.
