Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE CONMEMORA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Fecha: 2026-05-05


O Grove, 05/05/2026.- O Concello de Grove conmemora o Día das Letras Galegas cunha variada programación que engloba actividades organizadas polo Concello e outras realizadas polas asociacións co financiamento e colaboración do Concello do Grove.

O obxectivo é ofrecer á cidadanía un amplo abanico de actividades coas que festexar e conmemorar as Letras Galegas e, de paso, fomentar o hábito da lectura en galego.

Actividades para público infantil

Para os máis pequenos da casa a programación das Letras Galegas inclúe diferentes actividades.

O 8 de maio, a partir das 17.30 h, dentro do Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, ofrecerase na Biblioteca Municipal do Grove o contacontos ilustrado “As Letras de Begoña” a cargo do Colectivo Xurelo, para divulgar a vida e obra da escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.O espectáculo combina narración oral, música, ilustración en directo e un obradoiro de caricaturas. Está dirixido á rapazada a partir de 4 anos e, para asistir, é necesaria inscrición previa.

O 13 de maio a partir das 11.00 h, dentro do Programa Ler Conta Moito, representarase na Axencia de Lectura de San Vicente o espectáculo de narración oral “Burromaquia” a cargo de Ignacio Vilariño, cunha selección de contos,fábulas, poemas e cancións nas que se fala con simpatía dese animal tan entrañable que é o burro. A través da súa participación, o alumnado de educación infantil e primaria irá descubrindo a historia  do burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas.

O 15 de maio a partir das 17.30 h, dentro do Programa Ler Conta Moito, desenvolverase na Biblioteca Municipal do Grove  o espectáculo “Coser e cantar” a cargo de María Ortiz. Espectáculo de narración oral, música, teatro de obxectos e pezas enlazadas polas coplas do Cancioneiro da Agulla. Está dirixido á rapazada a partir de 4 anos e, para asistir,é necesaria inscrición previa.

O 22 de maio a partir das 17.30 h, dentro do Programa +Música da Deputación de Pontevedra, ofrecerase o espectáculo musical “Cantando con Pinocho” a cargo de Gallaecia. A Fada de cabelos Turquesa e Pepino, amigos de Pinocho, contarán o conto de Pinocho que se intercalará con efectos sonoros, música en directo e cancións orixinais compostas para a ocasión. Está dirixido a público familiar e infantil a partir de 3anos e, para asistir, é necesaria inscrición previa.

O 28 de maio a partir das 11.00 h, dentro do Programa Ler Conta Moito, representarase na Axencia de Lectura de San Vicente “Travesías”, espectáculo que combina narración oral e títeres a cargo de Raquel Queizás.

Colaboración coas entidades culturais

Así mesmo, o Concello do Grove colabora coas entidades culturais da vila na oferta de actividades para este mes das Letras Galegas.

Os días 15 e 16 de maio, á partir das 20.30 h, e o 17, a partir das 19.00h, representarase no Auditorio do Grove a obra “O Meco”,  a cargo da Asociación cultural Enxebre e da Asociación musical do Grove, unha adaptación da lenda que combina teatro e música. En breve anunciaranse os lugares para a adquisición das entradas.

A Asociación cultural Cantodorxo celebrará a XIV Festa das Letras Galegas o domingo  17 de maio, a partir das 18.00 h, na Praza do Corgo con baile, música tradicional e actividades para o público infantil.

O Club M.D. e C. Breogán ofrecerá “Cóntoche un traxe” da man de Montse Rivera, unha actividade para todos os públicos. Unha viaxe no tempo para descubrir como era o vestiario dos nosos tátara-tátara-avós a través da narración oral,  as cantigas e a proxección de imaxes. Terá lugar o sábado 23 de maio, ás 19.30 h, na Sala das Cunchas da Casa do Concello.

A Coral Polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove celebrará no Auditorio do Grove o seu tradicional Concerto das Letras Galegas o sábado 23 de maio, a partir das 20.00 h, dirixido a todos os públicos e con entrada libre ata completar aforo.

Feira do libro en galego

As librerías do Grove tamén se suman a esta conmemoración das Letras Galegas con  feiras do libro galego e descontos especiais.

A librería Espazo Lector Nóbel O Grove ofrecerá un desconto do 10 % na compra de libro en galego os días 17 e 18 de maio no seu establecemento situado na Rúa Alcalde Xacobe Barral. O domingo 17 de maio estará  aberta en horario de 11.00 a 14.00 h e o luns18 de maio no horario habitual.

Edigroves celebrará a Feira do libro galego o 17 de maio, de 12.00 a 14.00 h, na Praza da Rúa Luís Casáis. Ofrecerá descontos do 10 % na compra de libro en galego, un mercadiño de oportunidades, un obradoiro de artesanía para público infantil e agasallos directos.



cartel


cartel


cartel


cartel


cartel