Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE INICIA A PROGRAMACIÓN DO 2º SEMESTRE DE 2026 DA REDE GALEGA DE TEATROS COA OBRA “MEMORIAS DUN NENO LABREGO”

Fecha: 2026-09-03

O Grove, 3 de setembro de 2026.- O Concello do Grove inicia a programación do 2º semestre de 2026 da Rede Galega de Teatros e Auditorios coa obra “Memorias dun neno labrego” producida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións.

O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor e que está a acadar unha gran resposta do público galego, chega ao Auditorio do Grove o sábado 19 de setembro, ás 20.30 h.

Esta nova versión teatral da historia de Balbino, dirixida e adaptada por Cándido Pazó,  conta cun espectacular elenco formado por Xúlio Abonjo, Santi Romay, Manuel Cortés, Federico Pérez Rey, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos.

A proposta pon en pé un espectáculo de ambicioso formato que, contando coa presenza de sete actores e actrices, se inscribe de cheo nun inequívoco territorio teatral. Un espectáculo vivo e dinámico que se articula como un concerto de emocións: as emocións argumentais que suscita a atribulada historia do neno Balbino, protagonista do libro; as emocións profundas que derivan da memoria común de herdeiros dun tempo e un mundo rural que aínda resoa na nosa alma colectiva; e as emocións máis inmediatas e epidérmicas que xera o propio xogo teatral (con todos os seus signos: interpretativos, plásticos, lumínicos e musicais), o humor e a comunicación directa co público.

Sinopse

Balbino é un neno de aldea, fillo de labregos pobres, que medra nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Neste espectáculo, seguimos a súa voz sincera e sensible mentres narra a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a familia, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir dun destino xa escrito.

A historia desenvólvese a través dunha serie de lembranzas que van desde a tenrura da infancia ata a crúa conciencia das desigualdades. O espectáculo dálles vida aos episodios máis representativos da novela de Neira Vilas: o maltrato escolar, a perda do amigo ou dun animal querido, a frustración do primeiro amor, a dureza do traballo, a emigración, a represión da expresión, e a tristura de sentirse diferente nun mundo que non admite preguntas; pero tamén os costumes e celebracións festivas da aldea, e as esperanzas e alegrías que, a pesar de todo, ofrece a vida.

Nesta nova versión teatral do clásico de Neira Vilas, a memoria persoal do neno labrego preséntase como unha memoria colectiva, a desa Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, nun espectáculo que pon en primeiro termo a emoción, pero tamén o humor e a relación directa e amena co público.

Adquisición de entradas

As entradas, cun prezo xeral de 8,00 € e prezo reducido de 5,00 € para estudantes, poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 18 de setembro, de 10.00 a 13.30 h ou no propio Auditorio do Grove o sábado 19 de setembro, de 19.30 a 20.30 h.


Cartel Memorias dun neno labrego