O Concello do Grove presenta “O Grove no espello do mar” de Bruno Padín Portela o venres 20 de novembro na Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey”
O Grove, 12 de novembro de 2026.- O 20 de novembro, ás 20.00 h, a Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey” acollerá a presentación do libro O Grove no espello do mar do grovense Bruno Padín Portela, editado polo Concello do Grove co financiamento da Gastromeca a través dos fondos NextGenerationEU.
Bruno Padín Portela, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, ten publicados diversos traballos nas revistas especializadas nos temas de historiografía española e é autor de La traición en la historia de España (Akal, 2019) e de Entre o mar e a terra. Unha historia das xentes do Grove (Concello do Grove 2025).
O autor estará arroupado neste acto por Mar Llinares, doutora en Xeografía e Historia e profesora titular de Prehistoria da USC. Mar Llinares ten publicados artigos sobre temas de antropoloxía de Galicia en revistas especializadas e varios libros como O valor da arqueoloxía (xunto con X.C. Bermejo Barrera. Ed. Lóstrego, 2006) e Historia da muller en Galicia. Prehistoria e Idad Antiga, (Nigratrea, 2010).
Así mesmo, tamén acompañarán a Bruno Padín nesta presentación o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, e a Concelleira de Cultura, Pilar Galiñanes.
O acto, con entrada libre ata completar aforo, estará amenizado con música a cargo do alumnado da Escola de Música.
A obra
O Grove no espello do mar é un traballo de investigación que utiliza a vila do Grove como lente para entender como o mar foi o verdadeiro motor económico, social e cultural das comunidades costeiras galegas. O volume estrutúrase arredor de varios bloques temáticos.
Entre eles, trátase a escasa atención que os grandes relatos e historiadores galegos do século XIX e XX lle prestaron ao mundo mariñeiro, centrando a identidade galega de forma case exclusiva nunha visión rural e campesiña.
Tamén reconstrúe a pegada comercial, as rutas marítimas, a presenza de achados arqueolóxicos no complexo da Lanzada e a importancia da antiga illa do Grove como enclave estratéxico desde a Antigüidade.
Tradicións, rituais e crenzas, con especial atención ao mar sagrado, analizando a romaría da Lanzada, o ritual das nove ondas e a pegada literaria que este espazo deixou na literatura.
Aborda a evolución da arquitectura tradicional das casas mariñeiras ou o significado do monumento dedicado á familia mariscadora esculpido por Alfonso Vilar, presente na praza do Corgo.
E do mesmo xeito abórdase unha análise da paisaxe comparada entre O Grove e A Toxa a través de crónicas xornalísticas, testemuños de viaxeiros que visitaron a localidade, ou centrándose na novela Anduriña, publicada en1917.
Así mesmo se analiza a transición económica das artes de pesca tradicionais e o marisqueo cara a marca turística e gastronómica que hoxe en día define a vila do Grove, e que se resume no slogan “Paraíso do Marisco”
O Grove actúa, deste modo, como o fío condutor que nos permite comprender mellor a dimensión marítima da historia de Galicia.
