A Universidade de Vigo colaborará co Concello na reordenación do tráfico en varias rúas do centro urbano
Fecha: 2011-04-25
A través dun convenio asinado co Concello, a Universidade de Vigo colaborará nunha análise do volume de vehículos que soportan as rúas Castelao, Alexandre Bóveda, Luís Antonio Mestre e a Rúa da Praza, para determinar cal é o mellor sentido de circulación ou o número e sentido das prazas de estacionamento nestes lugares do núcleo urbano, así como poder reducir os problemas que o tráfico pesado supón para rúas como Alexandre Bóveda ou Luís A. Mestre.
As medicións deste estudo comezaron en Semana Santa para aproveitar o maior volume de vehículos na vila, e prolongaranse durante as próximas semanas.
As conclusións do informe serviranlles ás diferentes concellerías para tomaren unha decisión, nos meses de maio e xuño, a respecto da ordenación do tráfico nestes puntos do termo municipal.