Última xornada da Festa do Marisco
Fecha: 2011-10-13
Co peche dos postos de degustación ás once da noite de onte mércores, púxose fin a esta corenta e oito edición da Festa do Marisco.
Respecto do transcurso destas xornadas, o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, mostrou a súa satisfacción por unha festa que, ao igual que nos últimos anos, logrou atraer miles de visitantes, ademais de cumprir co labor "polo que naceu e que non hai que perder nunca", a promoción dos produtos do mar.
Pérez recoñeceu que, a nivel de vendas -ás 16.00 horas deste mércores comercializáranse un total de 133.756 racións, que xeraron unha facturación de 586.182 euros-, "é certo que estamos un pouco por debaixo da media habitual nos últimos anos, pero tampouco é unha cousa que deba preocuparnos, posto que vén motivada por "múltiples factores, que ademais son claros", como a difícil situación económica que atravesa o país ou o feito de que na presente edición non tivese existido a coñecida como 'ponte do Piar', ao coincidir esta xornada do 12 de outubro en mércores.
Non obstante, Pérez quixo tamén incidir no "fenómeno turístico" que cada ano xeran estas xornadas de promoción do marisco galego, e que permitiu que O Grove recibise un "número importante de visitantes en pleno mes de outubro", unhas datas "que tradicionalmente serían de tempada baixa", e nas que, non obstante, esta vila "estivo moi viva" e gozou dun movemento que debería ser considerado "inusual" se non fose por unha festa que permite "estirar dun xeito importante a tempada de verán".
Por iso, co "obxectivo cumprido", desde este momento, "só cabe botarmos a andar maquinásea para preparar a próxima edición", concluíu o primeiro edil.