Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Inauguración da exposición e presentación da biografía de Ramón Cabanillas

Fecha: 2009-10-10

Cabanillas e Luís Rei no Grove

 

Editorial Galaxia e a Concellería de Cultura do Concello do Grove organizan a presentación do libro Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, do que é autor Luís Rei, e a inauguración da exposición Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos, actos que terán lugar conxuntamente o sábado, 10 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura Lueiro Rey, do Grove.   

 

Nestes actos participan Luís Rei, autor da obra e comisario da exposición; Vítor Freixanes, director de Editorial Galaxia; Patricia Arias, profesora do IES As Bizocas e Antón Mascato, concelleiro de Cultura do Concello do Grove. Ademais, poderase asistir á actuación da soprano grovense Andrea Búa Aguín, que cantará algúns poemas de Cabanillas. Os actos son de libre entrada ata completar o foro.

 

A biografía Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, é a máis importante publicación escrita arredor da vida e a obra do poeta cambadés, en boa medida moi descoñecido para o público. Luís Rei, autor da obra, é técnico de cultura en Cambados e historiador; foi o responsable das celebracións do 50 aniversario do pasamento de Cabanillas (1959) a quen se lle dedicou neste 2009 o Ano Cabanillas con numerosas citas de alto valor divulgativo, pedagóxico e investigador.

 

A exposición Ramón Cabanillas. A Roseira dos recordos é unha mostra antolóxica que, nunha ducia de paneis, amosan a crónica concisa da intensa e longa vida do poeta, que se dedicou a variados oficios, ocupou varios cargos públicos, viviu en diferentes lugares e escribiu obras fundamentais da literatura galega como Vento mareiro ou Da terra asoballada. Permanecerá aberta, na Casa da Cultura Lueiro Rey ata o 31 de outubro, e será obxecto de visitas guiadas para os escolares do Grove que o soliciten.

 

Andrea Búa Aguín é unha xove cantante lírica, soprano, que realiza actualmente os seus estudos de Bel Canto no Liceu de Barcelona.