Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Emgrobes solicita voluntarios para apoiar a organización das actividades do Desembarco Pirata

Fecha: 2013-04-30

A Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) considera que se necesitan polo menos 50 voluntarios no Desembarco Pirata.

Emgrobes comezou a buscar voluntarios para participar nas tarefas de control das actividades do Desembarco Pirata, que se realizará durante os días 7, 8 e 9 de xuño de 2013. A organización calcula que é necesaria, como mínimo, a participación de 50 voluntarios para garantir o control da Busca do Tesouro por Terra e para participar activamente na Representación Teatral e Musical do Desembarco Pirata, eixe do evento.

A función dos voluntarios vai ser principalmente a de velar polo bo funcionamento da Busca do Tesouro por Terra para adultos e nenos, segundo as directrices marcadas pola organización, así como para garantir o éxito da representación do Desembarco Pirata.

É posible que se necesiten voluntarios para outras actividades previstas na programación do evento, nese caso, a distribución destes correrá a cargo da organización.

Está prevista a convocatoria de reunións previas de coordinación de voluntariado para asignar as diferentes tarefas a realizar durante a celebración das actividades, cuxas datas serán informadas coa suficiente antelación.

O tempo necesario de colaboración adecuarase en función das actividades a realizar e da dispoñibilidade de cada voluntario, polo que calquera pode participar. O único requisito necesario é que a idade dos participantes supere os 14 anos.

Outorgáraselle a cada voluntario elementos de merchandizaxe conmemorativa do evento e, en función das horas de voluntariado, a organización proverá os participantes de bonos de comida e vales desconto cambiables no mercado gastronómico.

Todos os interesados en participar deberán dirixirse ás oficinas de Emgrobes, situadas na avda. Luis Casais, 1, ou contactar directamente por teléfono ao 986 732 011 ou ben enviar un correo electrónico a emgrobes@emgrobes.org.

 

A proba da Busca do Tesouro realizarase por toda a península do Grove. É por iso que a organización situará os voluntarios repartidos por puntos estratéxicos do percorrido previsto. O labor destes será a de controlar, vixiar e velar polo correcto funcionamento da proba. O día indicado realizarase a saída dende o denominado Centro Base (paseo marítimo do Grove-zona de Confín) onde se facilitará información a todos os concursantes e pista para a consecución das probas, que consistirán en enigmas para resolver, probas de control, probas fotográficas ou probas sorpresa. Os voluntarios tamén serán os encargados de controlar a correcta realización destas e prestar apoio necesario para a consecución dos obxectivos marcados.

Con respecto á actividade principal do Desembarco Pirata, consistente na representación teatral e musical, os voluntarios realizarán principalmente labores de figuración, control do público asistente, apoio na montaxe e desmontaxe e calquera outro labor designado pola organización, velando sempre polo bo funcionamento do evento en xeral.

Emgrobes pretende lograr coa organización deste evento, o seu posicionamento como un referente na Bisbarra e como un vehículo para promover O Grove como destino, a través da súa propia historia. Para iso espera contar co apoio incondicional dos colectivos e habitantes da localidade grovense, para que entre todos se consiga que o Desembarco Pirata vaia crecendo en popularidade co paso dos anos.

Este proxecto susténtase en dous asaltos de piratas a San Vicente do Grove acontecidos historicamente no ano 1798 e 1801. O primeiro deles foi comandado polo Pirata "O Can" e a súa tripulación, de procedencia inglesa, que deixaron moi malferido e próximo ao degüello ao Cura D. Diego Antonio de Medina que permanecía só na casa reitoral, por aquel entón unha das máis cobizadas pola pirataría e á vez sinxela de asaltar, dada a súa situación nunha zona bastante apartada do control dos habitantes do pobo; e o segundo foi perpetrado por outro corsario inglés cuxo nome se descoñece, que desembarcou nas costas acompañado de 36 mariñeiros e dun cómplice en terra. En ambas as dúas incursións, os piratas leváronse todos os obxectos de valor da igrexa e da casa reitoral.