O Concello do Grove entrega o sábado 11 de maio o XIX Premio Manuel Lueiro Rey a Juan Tallón, pola obra Fin de poema
Fecha: 2013-05-03
- O acto desenvolverase ás 12.00 horas na Casa do Concello
- Música en directo da Agrupación Musical Faísca do Cordal
O Concello do Grove entrega o sábado 11 de maio o premio da XIX edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, que este ano será para Juan Tallón pola súa obra Fin de poema. Este autor xa fora finalista do premio no ano 2010 pola obra A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño).
O evento, presidido por Miguel Ángel Pérez, alcalde do Grove, contará coa presenza da familia de Manuel Lueiro Rey, a corporación municipal, membros do xurado e Francisco López Franco, en representación de Sotelo Blanco Edicións.
O premio, que está dotado con 3 000 euros, entregarase nun acto literario que comezará ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello do Grove e que estará amenizado pola música en directo da Agrupación Musical de Pulso e Púa Faísca do Cordal.
A Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio quere convidar a todos os amigos e coñecidos da familia de Lueiro, a todos os membros das asociacións, veciños… a que asistan á entrega do premio.
Un total de vinte e cinco obras presentáronse a esta XIX edición do concurso, que contou con Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Mario Regueira como xurado. Os cinco membros son especialistas en literatura.
O Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 co obxecto de promocionar a vida e obra deste escritor e xornalista. En 2011, Mario Regueira, con Outono aquí, foi o gañador do certame.