A Concellería de Educación volve a apostar pola Escola de Verán en Inglés para facilitar a conciliación familiar
Fecha: 2013-05-21
As inscricións pódense facer desde o luns no Edificio de Usos Múltiples
Permitirá conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos de 3 a 12 anos
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, volve a apostar este ano pola Escola de Verán en Inglés para garantir a conciliación das familias do municipio. A través deste campamento, os participantes gozarán das vacacións de verán con xogos e actividades, combinándoas coa inmersión na lingua inglesa, e ofrecendo unha solución aos problemas de compatibilidade dos horarios das familias.
O prazo de inscrición e matrícula estará aberto desde o luns, 23 de maio, ata o 3 de xuño no Edificio de Usos Múltiples –Casa Azul- do Concello do Grove. Do 5 ao 7 de xuño poderán facer as solicitudes os nenos non empadroados no concello. A Escola de Verán está destinada para nenos de 3 a 12 anos e desenvolverase durante os meses de xullo e agosto nas instalacións do IES Monte da Vila e da Escola Infantil Monte da Vila.
Por segundo ano consecutivo, as actividades lúdicas e de ocio mesturaranse coa aprendizaxe do inglés. O obxectivo será fomentar o uso deste idioma desde as idades máis temperás e en igualdade de condicións, con actividades lúdicas, deportivas, obradoiros, xogos, cancións, bailes... Que o alumnado se introduza no inglés a través de xogos, cancións e actividades estimulantes para cada grupo de idade, conseguindo que volva cada día á súa casa coa sensación de que gozou de experiencias divertidas e diferentes, sen darse conta de que o fai mentres aprende inglés.
Os pais teñen dúas opcións de horario para elixir. O horario normal no que se desenvolve a actividade será de 9.30 a 13.30 horas, e horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. Os prezos da actividade, que están subvencionados pola Concellería de Educación, mantéñense con respecto aos anos anteriores. Así, para o horario reducido a cota para os nenos empadroados no Grove é 66 euros ao mes, mentres que no horario ampliado é 100 euros. Segundo explican desde Educación, “este ano volvemos a apostar por fomentar a aprendizaxe de inglés en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas do concello, ofrecendo novos atractivos á Escola de Verán”. Neste sentido, cabe recordar que este tipo de campamentos en inglés soen ter un prezo moi superior ao que se ofrece a través do Concello do Grove, polo que non todos os nenos teñen as mesmas oportunidades de participar.
As prazas cubriranse prioritariamente por persoas empadroadas no Concello do Grove, e por rigorosa orde de entrada, tendo preferencia os solicitantes de dous meses a quen solicite só un mes de actividade. A documentación esixida é ficha de inscrición -que se repartirán en todos os centros educativos da localidade-, foto do neno, fotocopia dos DNI do pai/nai e do neno; fotocopia da tarxeta sanitaria; modelos de autorizacións cubertos e asinados; e, de ser o caso, informe médico do neno cando padeza algún problema de saúde.