As actividades aprazadas o Día das Letras Galegas terán lugar este sábado 25 de maio
Fecha: 2013-05-24
Feira do libro, maxia, encontro con Juan Sendino e actuacións musicais son as propostas para esta xornada
As actividades previstas para o 17 de maio que tiveron que ser aprazadas por mor do mal tempo desenvolveranse o sábado 25 de maio a partir das 17.00 h na praza do Corgo (diante da Casa do Concello) en colaboración coa Asociación de Libreiros do Grove, Juan Sendino e a Asociación Cultural Cantodorxo.
Como estaba previsto, os actos comezarán coa Feira do Libro, a cargo da Asociación de Libreiros do Grove. A Concellería de Documentación, por segundo ano, contará cunha mesa informativa onde se explicarán os diferentes servizos cos que conta, a forma que ten a cidadanía de poder acceder a eles, os horarios... Responderanse as preguntas ou dúbidas que poidan ter sobre os servizos ou o seu funcionamento e repartirase material promocional.
A rapazada terá ocasión de dialogar co escritor local Juan Sendino nun encontro co escritor d'Os Mequiños e tamén gozará cun espectáculo de maxia. Ademais, instalaranse dous grandes inchables que poderán usar ata que cansen.
A seguir, comezará o III Festival das Letras Galegas da Asociación Cantodorxo. Os grupos de baile e da escola de baile e gaita desta asociación interpretarán unha completa e variada mostra de folclore galego coa fin de entreter e deleitar o público asistente.
Xa para rematar, a música correrá a cargo do grupo Ocóbriga, que ofrecerá un concerto para os asistentes.