O Concello do Grove organiza unha charla para informar e advertir sobre un uso responsable das novas tecnoloxías nos menores
Fecha: 2013-05-28

Este venres, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
O Concello do Grove organiza este venres, 31 de maio, unha charla informativa sobre Control, supervisión e responsabilidade no uso do móbil, das videoconsolas e do ordenador. Trátase dunha iniciativa das concellerías de Educación e de Participación Cidadá, que está dirixida a informar e advertir aos pais e nais para que os seus fillos e fillas fagan un uso responsable das novas tecnoloxías.
As novas tecnoloxías son ferramentas útiles e divertidas, pero teñen os seus riscos. O seu uso en si mesmo non é negativo, todo o contrario, os nenos teñen que aprender a manexalas. Pero os pais deben estar moi alerta a posibles sinais que indiquen un mal uso ou abuso. Utilizadas de xeito inadecuado polos nenos e mozos, as novas tecnoloxías poden converterse nunha adicción. A través desta sesión ofreceránselles aos pais e nais as claves para identificar cando se inicia este proceso e poñer as medidas para evitalo. Internet e o fenómeno das redes sociais estarán acompañados por outras cuestións como a televisión, o móbil ou os videoxogos.
A charla será ás 20.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Terá unha duración aproximada dunha hora e media e estará impartida pola policía Ana Eva Peña, licenciada en criminoloxía e graduada en ciencias policiais e detective privado.