O Concello réndelle homenaxe este sábado ao músico e zapateiro Pepe Silva, quen lle dará nome á Escola de Música Municipal
Fecha: 2013-06-20
A Concellería de Cultura e Terceira Idade organiza este sábado unha homenaxe ao músico e zapateiro grovense xa falecido José Silva Torres, quen lle dará nome á Escola de Música Municipal do Monte das Flores, onde ás 12.00 horas terá lugar un acto no que se descubrirá unha placa conmemorativa e se lle entregará á familia do músico e zapateiro dun diploma acreditativo do seu nomeamento como fillo predilecto do Grove.
No Pleno do pasado mes de abril, a corporación grovense acordou por unanimidade outorgarlle o nome deste músico á escola que botou a andar a finais de 2012 no Monte das Flores e concederlle a Silva a condición de fillo predilecto da vila. Dúas distincións que quedarán recollidas tanto na placa que este sábado se descubrirá ás portas dunhas instalacións que recibirán o nome de Escola de Música Municipal José Silva Torres como no diploma que se lle entregará a familia dun grovense que convertera a súa zapatería da Rúa da Praza na escola de toda unha xeración de músicos grovenses.
Como xa fixera no Pleno en que se acordou este recoñecemento, o responsable de Cultura e Terceira Idade, Carlos Otero, volveu salientar o “altruísmo artístico” de Silva Torres, de quen destacou o “extraordinario labor que realizou no eido do ensino musical” e o seu activo papel como “organizador de todo tipo de actos culturais”. Non en van, ademais de impartir ensinanzas musicais na súa zapatería, este músico grovense tamén contribuíu á creación no Grove da orquestra Silva e da rondalla Alegría e Música, antes de pasar a formar parte da orquestra Montes, da orquestra X de Pontevedra e do grupo Los Dandys.
Así mesmo, Pepe Silva tamén foi o compositor de múltiples cancións, como a que leva o título de “Grove”, que neste acto de homenaxe será interpretada, xunto con outra serie de pezas, por un grupo de quince profesores e alumnos desta Escola de Música que acaba de pechar o seu primeiro curso.