A Escola de Verán en inglés do Concello do Grove facilitará a conciliación de 120 familias
Fecha: 2013-06-25
O mércores convócase unha reunión coas nais e pais dos participantes para explicar o funcionamento
Permitirá conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos de 3 a 12 anos
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, facilitará a conciliación dos horarios de preto de 120 familias durante os meses de xullo e de agosto a través da Escola de Verán, que este ano repite a súa aposta pola inmersión na lingua inglesa. Este programa municipal supón unha alternativa lúdica e de ocio para gozar das vacacións ao mesmo tempo que se ofrece unha solución aos problemas de compatibilidade dos horarios das familias.
Para explicar o programa de actividades e outros aspectos do funcionamento da Escola de Verán, as persoas responsables deste programa municipal reuniranse cos pais e nais dos participantes o mércores na Casa da Cultura do Grove -20.00 horas-.
Por segundo ano consecutivo, as actividades lúdicas e de ocio mesturaranse coa aprendizaxe do inglés. O obxectivo será fomentar o uso deste idioma desde as idades máis temperás e en igualdade de condicións, con actividades lúdicas, deportivas, obradoiros, xogos, cancións, bailes... Que o alumnado se introduza no inglés a través de xogos, cancións e actividades estimulantes para cada grupo de idade, conseguindo que volva cada día á súa casa coa sensación de que gozou de experiencias divertidas e diferentes, sen darse conta de que o fai mentres aprende inglés. Para conseguilo, a Escola de Verán contará con monitores con alto nivel de inglés, que serán os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes. Os participantes serán divididos en grupos, en función da idade.
A Escola de Verán inaugúrase o luns día 1 nas instalacións do IES Monte da Vila e na Escola Infantil Monte da Vila. Haberá dous horarios, o normal é de 9.30 a 13.30 horas, e o horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. Cada semana os rapaces gozarán dunha temática diferente, con obradoiros de traballos manuais, saídas, deportes, xogos e outras actividades.
Os prezos da actividade, que están subvencionados pola Concellería de Educación, mantéñense con respecto aos anos anteriores. Así, para o horario reducido a cota para os nenos empadroados no Grove é 66 euros ao mes, mentres que no horario ampliado é 100 euros. Segundo explican desde Educación, “este ano volvemos a apostar por fomentar a aprendizaxe de inglés en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas do concello, ofrecendo novos atractivos á Escola de Verán”. Neste sentido, cabe recordar que este tipo de campamentos en inglés soen ter un prezo moi superior ao que se ofrece a través do Concello do Grove, polo que non todos os nenos teñen as mesmas oportunidades de participar.