A Concellería de Educación organiza clases de reforzo educativo no verán para o alumnado de secundaria
Fecha: 2013-06-25
As inscricións pódense facer esta semana na Casa Azul
O programa estará apoiado por técnicas de estudo, de motivación e prácticas grupais
A Concellería de Educación desenvolverá durante os meses de xullo e agosto obradoiros de reforzo educativo para o alumnado de secundaria. Deste xeito, durante as vacacións organizaranse clases de reforzo co obxectivo de intentar previr e reducir o abandono escolar, ofrecendo un instrumento para minimizar as carencias especificadas, dirixíndose non só ao apoio enfocado á recuperación das materias non superadas senón á implantación en cada alumno dunhas habilidades e dunha mentalidade de traballo autónomo cara ao futuro.
O programa destínase a mozos de 2.° ciclo de educación secundaria (3.° e 4.° de ESO), PCPI e diversificación curricular. No caso de que o número de solicitudes supere as prazas ofertadas, terán prioridade os mozos que acompañen esta solicitude cunha valoración favorable do Departamento de Orientación do seu centro educativo. As inscricións, gratuítas, pódense facer durante esta semana no Edificio de Usos Múltiples (Casa Azul).
Estas clases impartiranse no IES Monte da Vila en horario de mañá. Contarán cun máximo de 30 prazas e estarán divididos en dous grupos de quince alumnos. O primeiro terá clase entre as 9.00 e as 11.30 horas, mentres que o segundo será de 11.30 a 14.00 horas. O programa estará impartido por dous docentes: un encargado do ámbito científico tecnolóxico e outro a cargo do ámbito lingüístico-social. As actividades propostas comprenden clases teórico-prácticas, dirixidas ao reforzo educativo e que van estar apoiadas en todo momento por sesións transversais de técnicas de estudo e outras habilidades necesarias para o desenvolvemento integral da aprendizaxe técnicas de motivación, dinámicas grupais...).
Estes obradoiros de reforzo educativo complementan outras iniciativas postas en marcha no último ano para evitar o abandono e fracaso escolar do alumnado do concello. Neste sentido, ademais deste programa apostouse por organizar varios talleres de técnicas de estudo para o alumnado e os seus proxenitores; charlas de motivación cara ao estudo; o programa de inclusión escolar para evitar as expulsións no centro e ata campañas de sensibilización para previr o abandono escolar e fomentar o retorno educativo.