O Concello pide a colaboración da veciñanza, hostaleiros e comerciantes locais durante o paso da Volta polo Grove
Fecha: 2013-08-21
O Concello do Grove anuncia que, por mor do paso da Volta a España pola nosa localidade o vindeiro luns 26 de agosto, o tráfico permanecerá cortado no centro da vila de 13.30 a 16.30 h.
O pelotón discorrerá polo seguinte percorrido: O Vao, Ardia, avenida Tenente Domínguez, rúa Castelao, avenida de Beiramar, praza do Corgo, rúa Pablo Iglesias, Rúa da Praza, rúa Luis Antonio Mestre, rúa O Sineiro, estrada de San Vicente, A Lanzada.
Desde o Concello solicitan a colaboración de toda a veciñanza, nomeadamente a dos propietarios de establecementos hostaleiros, comerciantes e propietarios de garaxes que se atopan no centro urbano, para que este importante evento deportivo de relevancia internacional se poida desenvolver con total normalidade polas nosas rúas e piden desculpas polos inconvenientes que esta actividade lles poida causar.