A Concellería de Educación organiza unha nova charla para nais e pais sobre como motivar cara ao estudo
Fecha: 2013-10-07
O xoves, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Inclúese nas accións postas en marcha este curso para reducir o fracaso escolar
A Concellería de Educación do Grove organiza este xoves, ás 20.00 horas, unha nova charla sobre “Como motivar cara ao estudo” dirixida para nais e pais con fillos en idade escolar. O obxectivo desta iniciativa é ofrecerlles aos proxenitores, coincidindo co inicio do curso escolar, as pautas para motivar e dirixir a atención dos nenos e nenas sobre os estudos cunhas técnicas de aplicación de psicoloxía infantil e xuvenil. A charla informativa, que estará impartida por unha psicóloga, terá lugar este xoves na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Este relatorio é complementario ao que xa se ofreceu en abril, e que contou cun importante interese por parte das nais e pais do alumnado. Nesta ocasión centrarase a sesión na aproximación ao problema. Faranse algunhas reflexións previas sobre por onde empezar, con orientacións para construír a motivación na rapazada, crear expectativas razoables e centrarse nos estilos de aprendizaxe e na importancia da escola.
Tamén se aproveitará esta sesión para presentarlles aos asistentes o novo programa que a Concellería de Educación inicia este curso, a Escola de Familia 1.0. Trátase dun espazo de encontro e de aprendizaxe no que participarán os pais, as nais e os alumnos de secundaria para o intercambio de experiencias e a reflexión colectiva sobre cuestións relacionadas coa educación da mocidade, permitíndolles a pais e nais do alumnado a obteren ferramentas e estratexias adecuadas para axudarlles na educación dos seus fillos, tanto no ámbito familiar, como no escolar e social.
Tanto a charla de Motivación cara ao Estudo como a Escola de Familia 1.0 completan as iniciativas municipais postas en marcha para mellorar o rendemento académico do alumnado e reducir o absentismo e abandono escolar. Así, este ano volverase a apostar polo programa de inclusión escolar destinado para o alumnado expulsado dos centros, e repetiranse as campañas informativas e de sensibilización sobre o abandono escolar e para fomentar o retorno educativo.
Tamén durante o verán se desenvolveron clases de apoio educativo para o alumnado de secundaria, que foron un éxito de participación, xa que se conseguiron cubrir todas as prazas ofertadas, pero tamén de resultados, porque practicamente a metade do alumnado que asistiu ás ditas clases de recuperación conseguiu pasar de curso tras examinarse nas probas de setembro.