Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Educación pon en marcha a Escola de Familia 1.0, con recursos dirixidos a conseguir o éxito escolar

Fecha: 2013-11-05

As inscricións xa se poden facer na Casa Azul, na Casa da Cultura ou nos propios institutos

 O programa inclúese nas accións postas en marcha este curso para reducir o fracaso escolar

 

 

A Concellería de Educación do Grove pon en marcha a Escola de Familia 1.0, cuxo obxectivo será poñer á disposición do alumnado e dos seus pais os recursos precisos para acadar o éxito escolar. Trátase dun espazo de encontro e de aprendizaxe. A Escola de Familia 1.0 está deseñada e dirixida a proporcionarlles recursos aos proxenitores e aos seus fillos e fillas competencias e actitudes relacionadas co esforzo, a cooperación, a responsabilidade, a autonomía, o respecto, a aprendizaxe continua, o desexo de saber, a creatividade, o espírito crítico, a asunción de riscos e a aceptación do erro. 

 

Este programa, para o que xa está aberto o prazo de inscrición, está dirixido a alumnado de secundaria ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI), que deberá asistir conxuntamente co seu pai ou a súa nai. Cada grupo terá un mínimo de 10 e un máximo de 26 asistentes. A Escola de Familia 1.0 desenvolverase entre novembro e febreiro, con sesións semanais de dúas horas.

 

A metodoloxía será fundamentalmente participativa en grupos de traballo

reducidos, dirixidos por un profesional en psicoloxía. O enfoque desta Escola de Familia 1.0 diríxese a potenciar competencias e actitudes positivas tanto dos pais e nais como dos fillos e fillas, co fin de facilitar un desenvolvemento saudable da personalidade dos menores e das relacións familiares. Trataranse aspectos relacionados cos cambios durante a adolescencia, a comunicación na familia,  o fomento da autoestima na familia, o afecto e os límites, ferramentas para fomentar o rendemento escolar e a motivación, técnicas de estudo, estilos de vida saudables…

 

A Escola de Familia 1.0 complementa as iniciativas municipais postas en marcha para mellorar o rendemento académico do alumnado e reducir o absentismo e abandono escolar. Así, este ano volverase a apostar polo programa de inclusión escolar, destinado para o alumnado expulsado dos centros, e repetiranse as campañas informativas e de sensibilización sobre o abandono escolar e para fomentar o retorno educativo. Tamén durante o verán se desenvolveron clases de apoio educativo para alumnado de secundaria, que foron un éxito de participación, xa que se conseguiron cubrir todas as prazas ofertadas, pero tamén de resultados, porque practicamente a metade do alumnado que asistiu ás clases de recuperación conseguiu pasar de curso tras examinarse nas probas de setembro.

 

Díptico informativo e ficha de inscrición