Comeza unha nova edición da actividade Coñecendo e gozando da biblioteca
Fecha: 2013-11-07
Trátase dunha proposta municipal para espertar a imaxinación e a creatividade a través dos recursos que ofrece a lectura.
Conta coa participación de 36 nenos e nenas.
O Concello do Grove inaugurou na tarde de onte a terceira edición da actividade extraescolar Coñecendo e gozando da biblioteca, na que participan 36 alumnos e alumnas de educación infantil e de primaria dos diferentes centros escolares da localidade. Tras o éxito de edicións anteriores e o aumento da demanda, nesta edición volvéronse a ampliar as prazas e as quendas dispoñibles para poder responder ao maior número de solicitudes posible. Deste xeito, este curso haberá tres grupos, segundo as súas idades. A actividade desenvólvese todos os mércores e venres, a partir das 17.00 horas, na biblioteca municipal do Grove.
Trátase dunha actividade posta en marcha polas concellerías de Educación e de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura, experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica, facilitando o xogo. Os e as participantes atopan cada semana actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e manualidades de acordo coas súas idades.
Esta semana, o taller centrarase nos medos. A cativada traballará co conto O dragón comemedo, expresando os seus medos a través de debuxos e meténdoos na caixa do correo do dragón para facelos desaparecer. Ademais, axudarán a rematar a decoración da biblioteca municipal con pantasmas que elas e eles mesmos farán e pintarán.
Xunto con esta actividade extraescolar, a Concellería de Educación tamén organiza clases de natación na piscina de Cambados. Un total de 60 rapaces e rapazas gozan desta actividade divididos en dous grupos, os martes e os venres. Un autobús sae cada un destes días do Grove para que, ademais de aprenderen a nadar, tamén obteñan un desenvolvemento integral nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social.