Achégate ao galego. Novo curso de lingua para os novos galegos no Grove
Fecha: 2013-11-18
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, dirixida por Alexandre Aguín, vai comezar a desenvolver desde este mércores, por terceiro ano consecutivo, un curso de galego para persoas chegadas de fóra do país. Nesta ocasión, ao igual que na edición anterior, tamén se poderá inscribir a veciñanza que queira adquirir uns coñecementos básicos sobre o noso idioma ou actualizar os que xa posúe.
Cunha perspectiva de interculturalidade e diversidade, o SNL meco pretende que a lingua galega sexa para as persoas de orixe estranxeira outro factor máis de integración na sociedade grovense, ao mesmo tempo que a cidadanía local coñeza as diferentes culturas e as linguas que chegaron ata nós polo vieiro da inmigración.
Con ese motivo, o SNL do Grove programa un novo curso básico de lingua galega que permita un achegamento á lingua e á cultura galega de xeito progresivo e adaptado ás necesidades do alumnado. O obxectivo fundamental desta acción formativa é facilitar a integración da poboación de orixe estranxeira a través dunhas nocións básicas para a comprensión oral e escrita, e para a fala, ademais de darlles a coñecer a historia e situación da vila e da comarca en particular e de Galicia en xeral.
Haberá dous grupos, un inicial e outro máis avanzado para aquelas persoas que xa teñan unhas nocións do idioma.
Comezo: mércores, 20 de novembro de 2013
Finalización: finais de maio de 2014
Número de horas: 75 horas
Días: martes e xoves (inicial) ou luns e mércores (avanzado)
Horario: de 10.00 a 11.30 horas (ambos os grupos)
Lugar: aula de formación da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey (rúa Monte da Vila, 11, primeiro andar)
Destinatarios: poboación de orixe estranxeira, emigrantes retornados, poboación de fóra da nosa comunidade ou veciñanza local con coñecementos básicos de galego.
Máximo de 20 persoas
AÍNDA QUEDAN PRAZAS LIBRES
Información e inscricións:
Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove
Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Rúa Monte da Vila, 11, baixo
Tel.: 986 733 190 (de 9.00 a 13.00 h)
normalizacionlinguistica@concellodogrove.com