O Concello presenta a guía O Grove Educa, que reúne todos os recursos municipais dispoñibles para os escolares
Fecha: 2013-11-20
O obxectivo é contribuír ao aumento da calidade do ensino, darlles a coñecer os servizos municipais e seu contorno aos escolares
Inclúe desde actividades extraescolares, programas de conciliación, talleres en colaboración cos colexios, concursos e premios, ata recursos para o retorno educativo
O Concello do Grove presenta O Grove Educa 2013-2014, unha guía que reúne todos os recursos municipais dispoñibles para o alumnado, os colexios de infantil, primaria e secundaria, e as asociacións de nais e pais. Desde programas de conciliación laboral e familiar, ata actividades extraescolares, talleres e obradoiros en colaboración cos centros, concursos e premios, ata recursos para reducir o absentismo escolar e fomentar o retorno educativo.
Este é o terceiro ano no que se edita esta guía. Está impulsada pola Concellería de Educación, e conta coa colaboración das concellerías de Asuntos Sociais, Igualdade, Mar, Participación Cidadá e Sanidade; de Comercio e Mercados; de Economía, Facenda e Persoal; de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio; e de Cultura. O resultado é unha guía útil, práctica e ambiciosa, coa que se pretenden aportar os recursos municipais precisos para contribuír ao aumento da calidade na ensinanza pública. Así, nun só documento reúnese toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade.
A guía divídese en seis partes: O Grove concilia; actividades fóra do horario escolar; actividades para nais e pais; actividades en colaboración cos centros; concursos e premios escolares; e retorno educativo. A guía revela tanto a ampla oferta municipal de actividades que presenta o Concello do Grove para o curso 2013-2014, como a ampla coordinación entre as diferentes concellerías. O documento xa está en todos os centros de infantil, primaria e secundaria da localidade, e nestes días entregaranse ás propias asociacións de nais e pais. Tamén está dispoñible na web do Concello do Grove para que calquera persoa poida consultala.
O Grove Concilia conta cos programas Madruga, a Escola de Verán en Inglés e o Programa de Apoio Educativo. Como actividades extraescolares inclúense clases de natación, Coñecendo e gozando na Biblioteca, bebetecas, Escola de Familia 1.0, o Programa de Intervención con Menores en situación de risco e a Escola de Música Municipal. As actividades que se organizarán para as nais e pais serán visitas á biblioteca municipal, charlas informativas sobre o uso e abuso de internet, grupo de nais/pais pola saúde e visitas ao Museo da Salga.
Aos centros propóñenselles, entre outras actividades, charlas sobre os usos e abusos das novas tecnoloxías e os talleres de resolución de conflitos e manexo das emocións, prevención do absentismo no 2.º ciclo de educación infantil, contos contra o maltrato, inclusión escolar na ESO, visitas guiadas á biblioteca municipal, encontros con mulleres e homes con profesións non tradicionais, tradición oral ou memoria do pobo.
No que respecta aos concursos e premios, este ano convocaranse novas edicións dos certames de postais de Nadal, relatos curtos, fotografía medioambiental e premios de excelencia académica. Finalmente, e para fomentar o retorno educativo, infórmase das axudas municipais para a obtención do graduado en ESO.