O Grove acollerá un encontro dos Axóuxeres, un espectáculo especialmente pensado para a xente máis miúda da casa
Fecha: 2013-11-22

O domingo 1 de decembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, a Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación presenta o novo espectáculo dos Axóuxeres, un programa que visita concellos coma o do Grove, pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta. A compañía encargada da función é Caramuxo Teatro, unha garantía cando se fala de teatro para bebés en Galicia.
O encontro dos Axóuxeres ten unha duración aproximada de 35 minutos e foi creado para ofrecerlles aos nenos e nenas menores de 6 anos un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.
Na edición actual. a historia xira en torno ao descubrimento do mundo que nos rodea, de interese para satisfacer a curiosidade das e dos máis pequenos. Así, elementos cotiáns como as casas, a aldea, os animais, as estrelas ou a música son fíos condutores do relato que se vai desenvolver. Durante a representación cóntanse historias adaptadas á xente máis pequerrecha da casa, mesturadas con cancións creadas para a participación e a interacción co público asistente.
A entrada é de balde, mais as persoas interesadas en asistir deben saber que hai que inscribirse telefonicamente con antelación, xa que a capacidade do salón de actos é limitada. Para anotarse cómpre chamar, a partir do vindeiro luns 25 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, ao teléfono 610 641 570.
Máis información en:
www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013