Actividades na casa da cultura de San Vicente
Fecha: 2009-11-23
Grazas a un convenio de colaboración entre un colectivo de profesoras de San Vicente e a Concellería de Cultura do Concello do Grove, xa é posible atender a casa da cultura de San Vicente en horario lectivo e bibliotecario. É de xustiza agradecerlle a este colectivo de docentes a súa colaboración, e destacar que outros ensinantes da parroquia se ofrecen a colaborar neste proxecto social, cultural e pedagóxico.
Dese xeito, está xa funcionando a biblioteca durante tres días á semana, os luns e mércores de 17.00 a 19.00 h, e os venres de 16.00 á 17.30 h.
As mesmas persoas, durante o horario de funcionamento da biblioteca, atenden simultaneamente os alumnos e alumnas de primaria, secundaria e bacharelato que precisan recibir apoio escolar para recuperar materia en atraso, ou resolver e aclarar as súas dúbidas nas tarefas escolares e no proceso de comprensión das materias propias de cada currículo docente.
Nos próximos días ampliarase a prestación dos servizos didácticos no mesmo lugar, comezando a cumprirse coa reivindicación veciñal de satisfacer a demanda dos adultos de volver á escola; neste caso, que será de libre acceso, a idea é traballar con eles e elas a motivación e as técnicas de recuperación da lectura, revisión das normas de escritura, recordar e repasar os conceptos básicos de xeografía e historia, recuperar as matemáticas perdidas e, en definitiva, axudar a fixar a memoria. O obxectivo didáctico é impartir clases de cultura xeral adaptadas ao perfil e ás necesidades destes alumnos e alumnas, complementadas con nocións básicas de acceso á información dixital e ás novas tecnoloxías (webs, correo electrónico, prensa dixital, telefonía móbil...) para que lles sexa posible acceder a Internet.
O convenio marco de colaboración inclúe tamén comezar cun curso de inglés para a hostalería, que contempla nocións básicas e especializadas no seu ámbito laboral, para que poidan facerse entender coa súa clientela estranxeira. Aínda que, o mesmo que os de informática, son cursos abertos para todas aquelas persoas que estean interesadas.
Toda a información, reservas, condicións e matrículas, nos días e horas sinalados antes, na casa da cultura de San Vicente.