A Concellería de NN TT, Documentación e Patrimonio dálles un novo impulso aos servizos da Rede de Bibliotecas do Grove
Fecha: 2013-12-23
Ponse en marcha un novo servizo de préstamo de portátiles, tabletas e lectores de libros electrónicos
A Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio segue a mellorar a cantidade e calidade dos servizos ofrecidos pola Rede de Bibliotecas do Grove co fin de atender as diferentes necesidades e demandas da poboación que utiliza, ou poida utilizar, estas instalacións e recursos municipais.
Tras numerosas medidas dirixidas a mellorar os espazos e instalacións, á actualización do fondo librario e dixital e á posta en marcha de numerosas actividades de animación, chegou o momento de avanzar tamén na implantación definitiva das novas tecnoloxías.
O primeiro paso no uso destas tecnoloxías xa se dera haii dous anos e medio coa instalación de Wi-Fi libre e ordenadores de uso público nas dúas bibliotecas. No mes de setembro comezáronse a organizar cursos de alfabetización dixital que continuarán en 2014, e agora créase un novo servizo que permite poñer á disposición dos usuarios e usuarias da biblioteca municipal tres ordenadores portátiles, tres tabletas de 10 polgadas e catro lectores de libros electrónicos de tinta dixital.
A boa xestión dos recursos e orzamentos destinados á biblioteca permitiu ter un fondo permanentemente actualizado, ofrecer numerosas actividades durante todo o ano e chegar a decembro cun remanente que fixo posible a adquisición de tres portátiles e tres tabletas.
Os catro lectores de libros electrónicos forman parte do material achegado polos premios María Moliner gañados nos dous últimos anos.
Para poder poñer en funcionamento este novo servizo foi necesario modificar o regulamento das bibliotecas para adaptalo ás novas tecnoloxías e poder realizar o préstamo de dispositivos dixitais.
Poderán usar o préstamo a domicilio de lectores de libros electrónicos os/as usuarios/as da Rede de Bibliotecas do Grove con carné de lector, maiores de 18 anos, sempre que non estean sancionados/as. A duración do préstamo será de 15 días, con posibilidade de renovar unha vez polo mesmo período, sempre que non se superase a data do préstamo inicial, ou fose sancionado/a por devolver outro documento fóra de prazo.
Poderán usar o servizo de préstamo de portátiles ou tabletas en sala os/as usuarios/as da Rede de Bibliotecas do Grove con carné de lector, maiores de 18 anos, sempre que non estean sancionados/as. A duración do préstamo será de 4 horas, con posibilidade de renovación se no momento da devolución houber outros equipos dispoñibles para o préstamo.