Concello e ANPA entregan xoguetes a familias do Grove grazas á campaña de recollida solidaria
Fecha: 2013-12-30
- Destacan a ampla colaboración, que permitiu tamén repartir xoguetes entre os colexios e as asociacións sen ánimo de lucro
O Concello do Grove entrega estes días agasallos ás familias con maior necesidade do municipio grazas á campaña levada a cabo polas concellerías de Educación e de Igualdade e ás ANPA dos colexios Conmeniño, Rosalía de Castro e Valle-Inclán, das escolas infantís de Monte da Vila e de Rons e do instituto Monte da Vila. Deste xeito, no Grove todos os nenos terán o seu agasallo o día de Reis grazas a unha campaña que organizan por segundo ano consecutivo e que pretende garantir que no Nadal non falten sorrisos en ningún fogar do concello.
Os xoguetes doáronse a principios de decembro e, tras organizalos, clasificalos e empaquetalos, estes días estánselles entregando ás familias usuarias dos servizos sociais que teñen fillos menores a cargo. Nesta ocasión puidéronse repartir varios paquetes por neno, grazas á gran implicación cidadá. Algúns dos xoguetes que non se reparten entre os usuarios da área de servizos sociais, levaranse aos colexios, pero na súa maioría entregaranse a unha asociación sen ánimo de lucro, que os fará chegar a nenos que o precisen.
Desde o Concello salientan que a campaña debe o seu éxito grazas ás importantes achegas da veciñanza, á gran implicación e traballo das ANPA e á colaboración desinteresada de negocios locais, como a tinturería Apresto ou o comercio Cadena Cien. O Concello tamén agradece a colaboración de Jose Benavides coa cesión gratuíta do local para a recollida e o reparto de xoguetes.