Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación substitúe as ventás de catro aulas do CEIP Valle-Inclán para mellorar a eficiencia enerxética

Fecha: 2014-01-16

 

O alumnado xa dispón de aparcadoiro para bicicletas

 

A Concellería de Educación do Grove está substituíndo as ventás de catro aulas do CEIP Valle-Inclán. Esta actuación permite resolver un dos problemas que o centro viña denunciando desde hai varios anos, xa que se trata de tres aulas de planta baixa e unha no primeiro andar que tiñan problemas para manter a calor no interior, polo cal eran especialmente frías nos meses do inverno.

 

Nesta actuación, a Concellería de Educación fixo un investimento de 15.000 euros. As ventás antigas substituíronse por ventás de dobre cristal e con lama térmica, que permiten resolver as fugas de calor destas catro aulas. Ademais de mellorar a eficiencia enerxética, tamén redunda nunha maior comodidade e seguridade para o alumnado e aumenta a claridade da aula, xa que as dimensións dos cristais novos son maiores. No que respecta ao resto de aulas, o Concello do Grove xa solicitou a colaboración da Consellería de Educación para poder continuar con este cambio durante o longo do ano.

 

Tamén neste colexio, a Concellería de Educación instalou dous aparcabicicletas, cos que se pretende fomentar o uso deste medio, aproveitando o paso do carril bici polo contorno e para desconxestionar o tráfico que se crea na entrada e saída do alumnado do centro.

 

Tamén están rematando as obras na antiga casa do conserxe, que agora servirá para albergar actividades e programas para os escolares do centro que se organicen tanto por parte do propio Concello como por parte da Asociación de Nais e Pais de Alumnos.