Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Documentación e Educación presentan o programa 'As imaxes tamén contan', con obradoiros de ilustración, tira cómica e caricaturas

Fecha: 2014-01-29

 

  • Os talleres estarán impartidos por Luis Dávila; Mau e Pin (autores de Polo correo do vento), Gogue e Pepe Carreiro
  • Desenvolveranse en febreiro e marzo na Biblioteca Municipal

As concellerías de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías e de Educación do Concello do Grove colaboran nunha nova ocasión para ofrecerlle á mocidade un programa atractivo que pretende familiarizar os participantes co mundo da imaxe a través da ilustración, a tira cómica ou as caricaturas. Trátase do programa “As imaxes tamén contan”, que se desenvolverá na Biblioteca Municipal do Grove nos meses de febreiro e marzo e que contará coa participación de recoñecidos profesionais da imaxe. Así, Luis Dávila; Mau e Pin (autores de Polo correo do vento), Gogue e Pepe Carreiro serán as persoas encargadas de impartir estes talleres. As inscricións xa se poden facer na propia biblioteca ata completar as prazas dispoñibles.

O programa desenvolverase en catro obradoiros, dous en febreiro e dous en marzo, nos que se abordarán diferentes técnicas destinadas a diferentes idades e sectores da poboación. Entre os obxectivos que se perseguen están achegar os asistentes á experiencia real do debuxo e a ilustración; descubrir as posibilidades expresivas, significantes e comunicativas da imaxe; desenvolver a creatividade dos participantes; promover procesos de coñecemento da animación, mediante técnicas de debuxo e ferramentas tecnolóxicas ou fomentar a compresión lectora por medio das imaxes e a lectura dos contidos.

A primeira sesión será o sábado 8 de febreiro a cargo de Luis Dávila, cun obradoiro de viñetas e caricaturas. Durante dúas horas, amosará e explicará as súas técnicas de traballo e deleitará ao público asistente coa realización de varias viñetas e caricaturas. Luis Dávila publica diariamente as tiras de humor O Bichero e O Fotomatón no Faro de Vigo e conta tamén con colaboracións co portal de información local Todogrove.com.

 

 

O sábado 15 é a quenda de Mau (Enrique Mauricio Iglesias) e Pin (Carlos Álvarez Taboada), autores da colección Polo correo do vento, publicada por Xerais. O taller “O tesouro do pirata Benito Soto”, que contará cun conto ilustrado e un obradoiro de debuxo, será o único dos propostos que estará dirixido para nenas e nenos e os seus acompañantes. O conto ilustrado versará sobre unha historia de amor e investigación, no que se realiza una maridaxe entre a narración e a ilustración: mentres o autor narra o conto, o ilustrador realiza un mural relacionado coa historia que se relata. A actividade complétase cun mini-obradoiro de ilustración no que os asistentes aprenderán a debuxar os personaxes da historia guiados polo ilustrador.

En marzo, o día 15, o encontro será con Gogue e as súas caricaturas. Realizará unha demostración das técnicas do seu traballo e agasallará os asistentes coa realización de caricaturas. Tamén se establecerá un pequeno debate co fin de que quen participe lle poida facer todas as preguntas que considere oportunas. Este artista publica no Faro de Vigo e Strategyweek, American Politics Journal, Humorinthenews, The Earth Thimes, The Bush Blade ou na Clever Magazine, todos eles nos Estados Unidos.

O programa remata o sábado 22 cun obradoiro de ilustración a cargo de Pepe Carreiro, escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas (editada por A Nosa Terra). É humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada. Tamén é súa a serie Os Formigón (A Nosa Terra); a serie Os Pequenos Barbanzóns, en colaboración con Abraham Carreiro (Toxosoutos); e varios contos para as coleccións Contos do Miño (A Nosa Terra), Merlín (Xerais), Árbore (Galaxia) e A chalupa (Galaxia). Foi 3.º premio ex aequo con Xan González do Concurso Nacional O Facho de Cómics para nenos en 1980, por A illa dos carballos. No ano 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da AELG.