O alumnado de infantil da escola Monte da Vila conmemora o Día da Paz na biblioteca municipal
Fecha: 2014-01-31
A climatoloxía obrigou a suspender os actos que estaban organizados ao aire libre para este centro e a escola Nuestra Señora del Carmen
A choiva obrigou a cancelar os actos que o Concello do Grove tiña previstos para conmemorar onte o Día da Paz, e nos que ía participar o alumnado de infantil das escolas Monte da Vila e Nuestra Señora del Carmen. Con todo, a proximidade do centro do Monte da Vila coa biblioteca municipal permitiu que as nenas e os nenos deste colexio, acompañados polo persoal da biblioteca, gozasen nesta instalación municipal dunha mañá de contos e debuxos destinados a celebrar este día. O conto Un bo costume, de David Paloma, foi o protagonista, para posteriormente colorear debuxos de pombas e facer unha árbore da paz. Ao finalizar a actividade, todos os cativos participantes levaron un globo branco de agasallo.
Precisamente esta é a programación que se trata esta semana nas actividades extraescolares Coñecendo e gozando da biblioteca, que se desenvolve os mércores e venres na biblioteca municipal do Grove e na que participan preto de 50 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria.