A Concellería de NN TT, Documentación e Patrimonio pon á disposición dos usuarios da Rede de Bibliotecas do Grove a Aula Planeta
Fecha: 2014-02-14
O Concello do Grove convértese no primeiro concello de España que incorpora este servizo ás bibliotecas municipais
A Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio acaba de poñer á disposición dos usuarios e usuarias da Rede de bibliotecas do Grove a Aula Dixital Planeta.
Este recurso trátase dunha innovadora plataforma educativa en liña que incorpora as tecnoloxías da información e comunicación ao mundo educativo, conxugándoa coa importancia dos contidos esenciais.
O Concello do Grove convértese no primeiro concello de España que incorpora este servizo ás bibliotecas municipais xa que, ata agora, tan só se estaba a ofrecer en centros educativos e universidades
O portal incorpora un banco de datos adaptados aos contidos curriculares das diferentes materias de educación primaria, educación secundaria e bacharelato e ofrece un extenso catálogo de materias multimedia: vídeos, animacións, actividades interactivas, simuladores, exercicios etc.
O acceso a este portal é gratuíto para todos os usuarios e usuarias da Rede de Bibliotecas do Grove que poden conectarse, ben utilizando os ordenadores de uso público, ben a través das redes Wi-Fi de calquera das dúas bibliotecas da Rede.
Coa posta en marcha deste novo servizo, a Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio mellora, unha vez máis, a cantidade e calidade dos servizos ofrecidos pola Rede de Bibliotecas do Grove co fin de atender as diferentes necesidades e demandas da poboación que utiliza estas instalacións e recursos municipais.