Éxito de público no obradoiro de portugués organizado pola Concellería de Educación do Concello e o SNL municipal
Fecha: 2015-05-12
A actividade tivo lugar á tardiña do pasado venres na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
OPS! O português simples foi o título do obradoiro de iniciación á lingua portuguesa impartido pola AGAL (Ass. Galega da Língua) no Grove grazas á colaboración da Concellería de Educación e do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do concello meco.
O obxectivo fundamental desta actividade formativa gratuíta foi amosarlle ao público participante que o galego é unha “chave” privilexiada para acceder ao mundo cultural ou incluso laboral dos países lusófonos, porque en épocas de crise é cando cómpre afinar onde imos investir os nosos recursos e depositar a nosa atención.
Outro dos propósitos deste taller foi pór en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que a infravaloran, ao tempo que se lles mostrou aos e ás participantes que o portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, oficial en catro continentes e en oito países, entre eles o Brasil, actual potencia emerxente mundial.
O obradoiro, de cen minutos de duración, conseguiu encher a aula de formación da casa da cultura do Grove e deixou os participantes con ganas de máis.