O Concello do Grove presenta no FIO novo material promocional
Fecha: 2018-02-23
Trátase dun segundo folleto con elementos naturais que se centra nos Miradoiros do Grove.
Continuando cos traballos de mellora do material turístico do Grove, estes días comezará a distribución na Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico que se celebra en Cáceres dun folleto promocional centrado nos Miradoiros da vila. Trátase dun tríptico que continúa a liña marcada polo realizado en torno ao turismo termal. Nese caso o folleto incluía unha cuncha de vieira natural no seu interior mentres que, no relativo aos miradoiros, as persoas que os reciban atoparán o paúlo (acícula) seco dos piñeiros do Grove.
Agárdase que este novo material consiga unha boa acollida, dando a coñecer os nove miradoiros cos que conta a península do Grove. Puntos con vistas tan atractivas como a que se presenta dende a Pedra Cabaleira no alto do Monte da Siradella, o Miradoiro do Con da Hedra ou co valor histórico do Miradiro da Figueira do Meco. O folleto tamén inclúe imaxes do Miradoiro de Punta Moreiras e o da Pantoeira, na praia da Lanzada, ao tempo que facilita a posición de GPS para poder achegarse aos restantes.
Desde o Concello do Grove estase realizando un particular esforzo na renovación do material promocional turístico xa que non se contaba con elementos actualizados. Deste xeito, ademais dos dous referidos sobre termalismo e miradoiros, a Oficina de Turismo do Grove conta cunha guía sobre os Camiños que pasan pola vila “O Grove nos camiños de Santiago”, ou as guías dos roteiros históricos. Especialmente importante foi a actualización dos planos de rúas do Grove que se empregan como base para informar os visitantes que se achegan á Oficina, dos que no ano 2017 se distribuíron máis de 10.000 unidades. De cara á temporada estival estrearanse novos elementos que permiten contar con material tanto para a atención directa dos visitantes como para a súa distribución en distintas feiras e eventos. Ademais do FIO, o Grove acudirá da man da Mancomunidade do Salnés a eventos de promoción en Portugal nas vindeiras semanas.